Visibilizar ás mulleres do mar obxetivo do proxecto “O MAR DAS MULLERES” que a Deputación e Universidade de Vigo achegarán aos centros de ensino da provincia

O proxecto, dotado de recursos e materiais educativos, é un paso máis no marco das iniciativas de “Mar en Feminino” que organizan ambas as dúas entidades
Publicado por o día 05/04/2019 na sección de Deputación de Pontevedra

Visibilizar ás mulleres do mar obxetivo do proxecto “O MAR DAS MULLERES” que a Deputación e Universidade de Vigo achegarán aos centros de ensino da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto á profesora universitaria, María Álvarez Lires, deu a coñecer hoxe a novidosa iniciativa “O mar das mulleres” froito da colaboración entre a institución provincial e a Universidade de Vigo e no marco do proxecto “Mar en Feminino”, que lidera a Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Pontevedra. Silva destacou que se trata dun paso máis, o terceiro, trala creación da web marenfeminino.campusdomar.gal e a posta en marcha da exposición itinerante “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar”.

“O mar das mulleres”, segundo Silva, “naceu das anteriores iniciativas xa que foi unha demanda dos propios centros educativos que con motivo da mostra “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” nos formularon a necesidade de contar con contidos educativos para traballar nas aulas”. En liñas xerais, tal e como explicou a presidenta provincial, o “Mar das mulleres” fai fincapé no papel das mulleres na conservación dos océanos e uso sustentable dos recursos mariños. Así, da man dunha rapaza chamada Emma, “moi curiosa e comprometida”, vanse dar a coñecer diferentes elementos relacionados co mundo mariño como “Os océanos”, “Océanos en perigo”, “Redeiras, salga e conserva”, “O marisqueo a pé”, “Investigadoras mariñas”, e “Educación para a sustentabilidade”.

Na web marenfeminino.campusdomar.gal estarán dispoñibles os seis recursos educativos abertos protagonizados por Emma con información temática e propostas de actividades. Así, a través de “Océanos” Emma explica a cor azulada da terra dende o espazo, afonda na súa importancia para a estabilidade climática e no liderado das mulleres en proxectos de conservación dos océanos; “Océanos en perigo” fai fincapé nas principais ameazas que existen

para os océanos; “Redeiras, salga e conserva” repasa os oficios femininos centenarios relacionados co mar; en “O marisqueo a pé” Emma visita o mercado e coñece o traballo de marisqueo; en canto a “Investigadoras mariñas” preséntanse a mulleres como Silvia Earle, Ángeles Alvariño, Aida Fernández Ríos, Elisabeth Mann e Josefina Castellví, repasando os principais fitos que alcanzaron; e “Educación para a sustentabilidade” afonda nas achegas das mulleres á sustentabilidade.

Os seis recursos educativos abertos, amais de información e documentación sobre os eixos temáticos que abranguen, inclúen propostas de actividade para realizar nos centros educativos como o emprego de ferramentas como Google Maps ou MedclickKids; a procura de información e investigación sobre oficios femininos relacionados co mar, sobre o cambio ambiental ou sobre mulleres oceanógrafas ou do campo mariño; tamén a realización de entrevistas, clips de vídeos ou blogs; recompilación de fotografáis; visitas a Museos; elaboración de paté de peixe e ata experimentos para determinar as variacións do pH.

V Xornada “Bo Uso e Mal Uso do Mar”

Estas infografías e recursos educativos abertos que compoñen “O mar das mulleres” van ser protagonistas da “V Xornada sobre bo uso e mal uso do mar”, que terá lugar o vindeiro xoves, 11 de abril, na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do Campus de Pontevedra e coa que está a colaborar a Deputación de Pontevedra.

As xornadas “Bo uso e mal uso do mar” teñen como obxectivo principal a comprensión, uso sustentable e protección do medio mariño e para elo, ano tras ano, achéganse aportacións e propóñense materiais didácticos axeitados para levar a cabo intervencións nas aulas, como é o caso de “O mar das mulleres”. Amais, tamén se aproveita a ocasión para promover o papel das mulleres no mar, recoñecendo a súa contribución á xestión sustentable do mar desde todos os ámbitos. Neste caso, tal e como avanzou María Álvarez Lires, este ano participará a oceanógrafa do Instituto Español de Oceanografía Ana Morillas que falará do proxecto “Oceánicas”, onde se visibiliza ás mulleres que investigaron e están a investigar sobre os océanos.

Comentar noticia

Your email address will not be published.