Visita Ciencias do Mar un dos maiores expertos mundiais no estudo das profundidades oceánicas

Impartiu un relatorio e un curso no que afondou na relevancia científica e económica das contornitas
Publicado por o día 26/11/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Visita Ciencias do Mar un dos maiores expertos mundiais no estudo das profundidades oceánicas

Javier Hernández Molina é catedrático do Departamento de Ciencias da Terra na Royal Holloway da Universidade de Londres e a día de hoxe está considerado un dos maiores expertos mundiais no estudo das denominadas contornitas, uns sistemas deposicionais profundos que son obxecto de estudo por científicos de todo o mundo, dada a súa importancia, tanto para o estudo do rexistro paleoclimático como polas súas fortes implicacións económicas. Andaluz de nacemento, este experto leva anos colaborando co grupo de investigación de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquíma, XM-1, do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo e, froito desta colaboración, este martes está de visita na Facultade de Ciencias do Mar para impartir unha conferencia e un curso nos que terá a oportunidade de compartir co alumnado e persoal docente e investigador deste centro a súa experiencia nestes temas.

Segundo explicou o experto,  quen exerceu como docente da Universidade de Vigo durante máis de dez anos, a relevancia do estudo das contornitas a nivel mundial vén derivado de que estes depósitos están a ser identificados como posibles reservas de hidrocarburos e, polo tanto, as empresas petrolíferas están a investir moito capital no seu estudo. Nesta liña, Hernández Molina está a desenvolver moitos proxectos para o estudo destes medios sedimentarios desde todos os puntos de vista -xeolóxico, paleoceanográfico e económico-, a través de varios proxectos, moitos deles financiados precisamente a través de empresas de hidrocarburos.

Un tema candente cuxo estudo evoluciona moi rapidamente

“A idea principal da miña intervención é transmitir que a circulación oceánica deixa unha pegada no fondo submarino, non só agora, senón que a foi deixando ao longo do tempo e, a partires deses trazos que se ven no fondo pódese determinar a paleoceanografía, é dicir, como foi a evolución das correntes no pasado e entender así como foi evolucionando o planeta”, explicou o especialista. “A parte aplicada para nós como sociedade é que hai recursos, tanto minerais como enerxéticos que están asociados a todos estes depósitos”, recalcou Hernández-Molina, que apuntou tamén que este é un tema no que traballan moitos grupos de investigación a nivel mundial e que na última década está evolucionando moi rapidamente polas súas implicacións. “É o que se pode chamar un tema sexy para a comunidade científica”, bromeou o experto.

A conferencia tivo lugar este mediodía no novo salón de graos do Edificio de Ciencias Experimentais e o curso desenvolverase xa en horario de tarde. Nel participarán arredor de quince estudantes, tanto do Grao de Ciencias do Mar como do Máster Inteuniversitario de Oceanografía, aos que se sumarán algúns investigadores e investigadoras da facultade. “A relevancia do estudo das contornitas a nivel mundial fai necesario que os graduados e graduadas en Ciencias do Mar teñan unha formación específica sobre este campo”, explica o investigador Anxo Mena, que foi o encargado de presentar a Hernández Molina.

Reunión do proxecto internacional Inpulse

Aproveitando a visita ao campus deste catedrático da Royal Holloway, a Facultade de Ciencias do Mar acolleu tamén unha reunión de poscampaña do proxecto Inpulse (Interación de procesos oceanográficos e sedimentarios no noiro continental: implicacións ambientais e nos hábitats), no que participan numerosas institucións estatais e estranxeiras e que está financiado polas axudas a proxectos de I+D+i correspondentes ao Programa Estatal de Investigación, Desenvolvemento e Innovación. Coordinado por Luis Miguel Fernández Salas, do Instituto Español de Oceanografía, o proxecto consta de dous subproxectos, un dos cales –o subproxecto2- está liderado polo grupo de investigación de Oceanografía Xeolóxica e Bioxeoquímica, equipo liderado polo decano da Facultade de Ciencias do Mar, Miguel Ángel Nombela, e no que tamén participa o profesor Hernández Molina.

O pasado verán tivo lugar no golfo de Cádiz a campaña do proxecto e nela extraéronse multitude de datos sedimentarios, sísmicos e batimétricos de diferentes áreas desta zona cunha resolución nunca empregada ata este momento. “Agora estamos a realizar o tratamento destes datos e, neste sentido, aproveitamos a visita de Javier para realizar esta reunión e para formular tamén posibles colaboracións futuras”, explicou Mena.