Visitas guiadas e actividades especiais este sábado polo Día Internacional dos Museos

O 18 de maio, Vigo celebra o Día Internacional dos Museos, baixo o lema “Os museos como eixos culturais: o futuro da tradición”, cun programa gratuíto de actos no MARCO e no Museo Liste para público de todas as idades e visitas guiadas.
Por o 16/05/2019 | Sección: Concello de Vigo,Galicia,Vigo
Visitas guiadas e actividades especiais este sábado polo Día Internacional dos Museos

MARCO ofrece este sábado unha programación especial con actividades de balde para públicos de todas as idades, que se suman ás exposicións “Destacados. Colección Telefónica” e á individual de Álvaro de la Vega dentro do ciclo Metrópole III.

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo ofrece visitas guiadas ás exposicións ás 11:30 horas, ás 18 e ás 19:30h, ademais de visitas guiadas á Biblioteca-Centro de Documentación ás 11 e ás 17 horas, da man de Iria Fernández, responsable de Documentación, que achegará aos visitantes os fondos e o funcionamento deste espazo singular.

No tocante ás actividades, ás 12:30h no vestíbulo principal, “Regueifas deste tempo”, un desafío oral a cargo de Alba María e Mani Braga con imaxes históricas do edificio do MARCO como motivo de partida e pano de fondo das regueifas.

Ás 20h na planta baixa proxectarase o documental “Rescatada: 68 anos agardando a memoria filmada” -que se estrea o día anterior- acompañada da narración en vivo do historiador Xurxo Martínez, a modo de visionado comentado do filme.

“Letras e figuras… en xogo!” terá lugar de 12 a 14h e de 18 a 20h na primeira planta do MARCO. Son obradoiros infantís para público familiar, dirixido a nenos maiores de tres anos. A partires da idea dos xogos de mesa, e co apoio de música e son, se crea unha actividade colectiva baseada na relación de letras e imaxes.

Por último, a primeira planta do MARCO acolle o “Maratón Sabidurius” desde ás 18 horas. O Sabidurius é un xogo de mesa ideado e creado en Galicia, baseado nas palabras e as súas definicións, na imaxinación e na escrita. Actividade para todos os públicos, o sábado xogarase por quendas organizadas en grupos de ata oito persoas.

Museo Liste, pola súa banda, continúa a programación especial iniciada o día anterior por mor do Día das Letras Galegas e prevé para este sábado ás 11h a lectura do manifesto do Día Internacional dos Museos. Media hora máis tarde arrancará a visita guiada especial á exposición permanente “De tal pau, tal racha” e ás 12:30h comezará outra visita guiada á nova mostra temporal “A mesa farta: etnografía e cultura alimentaria de Galicia”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.