Viste as túas mellores galas que chega o Entroido de Cobres

Por o 08/02/2018 | Sección: Eventos,Turismo
Viste as túas mellores galas que chega o Entroido de Cobres

Nas beiras da enseada de San Simón mantense vivo un rito que se remonta ao século XVIII e que reflicte a importancia da transmisión das tradicións de xeración en xeración. O espírito das veciñas e veciños do concello de Vilaboa non deixou morrer o afamado Entroido de Cobres, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia en 1999.

Na zona coñecida como Cobres, formada polas dúas pequenas parroquias de Santo Adrán e Santa Santa Cristina, perdura unha das celebracións máis vistosas da provincia de Pontevedra. Segundo escritos da época, tradicionalmente era denominado Antroido dos Cobres, pero a súa orixe aínda non está clara.

Crese que, como símbolo de riqueza e posición social, as familias adiñeiradas engalanábanse durante os días que duraba o entroido para percorrer a zona. As persoas solteiras vestían os seus traxes con orgullo e representaban as súas familias. Estes son os famosos personaxes coñecidos como “madamas” e “galáns” que, ano tras ano, enchen de colorido e ritmo as parroquias de Santa Cristina e Santo Adrán, en Vilaboa. Cos bailes, a música e a popular Danza dos Cobres van de casa en casa levando a festa. Normalmente estas fan un donativo para poder seguir cos festexos, e canto máis xeneroso sexa, maior algarabía!

“Madamas” e “galáns” levan a festa de casa en casa, nun evento que ten na tradicional Corrida do Galo un dos seus momentos cume

No Entroido de Cobres prodúcese unha representación das distintas clases sociais e isto evidénciase fundamentalmente na vestimenta. Deste xeito, primeiro están os “aldeáns”, traballadores humildes e vestidos de distintos oficios; a continuación atópanse “os de branco”, que portan roupas sinxelas, con menos cores e abelorios; e por último, encabezando o grupo, están as “madamas” e “galáns”, vestidos con total pulcritude, con roupa branca cuberta por encaixes, cintas de cores, abelorios, xoias etc. Destaca o seu grande e vistoso chapeu feito a man, cuxas cores, brillos e flores o converten no centro de todas as miradas. Este chega a pesar entre 6 e 8 quilos, e dedícase polo menos medio ano de traballo para mantelo así de vistoso.

Durante os días de festa, de sábado a martes, pódense ver charangas e grupos de música tradicional das Rías Baixas. O último día ten lugar un dos momentos máis esperados: a tradicional Corrida do Galo, unha serie de xogos populares na praza da casa da cultura de Riomaior. Para finalizar o día aparece o “predicador”, un personaxe que non revela a súa identidade e que critica os acontecementos que tiveron lugar na zona durante o ano.

Vilaboa é a entrada á comarca do Morrazo desde a capital de provincia e a ría de Vigo e a de Pontevedra rodean esta península na que o entroido está presente en cada recuncho. Nas Rías Baixas poderás vivir grandes historias e momentos inesquecibles.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.