Visto bo á mellora da estrada provincial no paseo litoral de Campelo en Poio

O proxecto aprobado hoxe en Xunta de Goberno afecta a 420 metros dende a praza da Granxa ata as inmediacións do Porto e súmase á reforma dos 1.800 metros da EP-0601
📣 Publicado por el 29/09/2018 en la sección de Deputación de Pontevedra

Visto bo á mellora da estrada provincial no paseo litoral de Campelo en Poio

A Xunta de Goberno da Deputación deu onte o visto bo definitivo ao proxecto de mellora dun treito de 420 metros na estrada provincial EP-0602, entre a praza da Granxa e as inmediacións do Porto de Campelo, no concello de Poio. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que esta actuación, cun orzamento que rolda os 500.000 euros, vai completar a mellora dos 1.800 metros da estrada provincial de Campelo (EP-0601) aprobada a pasada semana, e acadar un cambio xeral na imaxe da zona.

A actuación de hoxe partirá da zona xa remozada na zona do Porto polo Concello de Poio -co financiamento do Plan Concellos-, e abrangue un vial con tres denominacións diferentes: avenida da Praia, Camiño dos Esqueiriños e rúa Pai Avelino.

Neste ámbito distinguiranse dúas zonas, a máis próxima ao mar e con características máis rurais, onde se ampliará a sección e deixarán dous carrís e unha senda peonil e ciclista de 2,5 metros de largo. Na segunda zona, que conta cuns 345 metros de lonxitude onde non é posible un aumento da vía nin unha beirarrúa continua, habilitarase unha zona de convivencia con pavimentado único adoquinado onde que se establecerá una ‘zona 30′ de velocidade.

Este último treito pasará a ser unha “vía de estar con prioridade peonil”, segundo explica o nacionalista, na que tomará moita importancia a iluminación, xa que a coexistencia de tráficos fai que as persoas poidan ser vulnerables. Ante esta situación, instalaranse balizas de iluminación cada 2,5 metros e, como reforzo para a delimitación do espazo peonil con respecto ao dos vehículos, tamén botóns podotacteis cada medio metro.

Un elemento estético que resultará chamativo desta zona será a utilización dun pintado de patróns figurando follas caídas no pavimento, tanto arredor das árbores dos diferentes alcorques que se sucederán nun lateral como en diferentes zonas da traza da vía. O obxectivo destes patróns será dobre, como elementos decorativos e tamén como elementos para obrigar ao condutor a prestar atención, xerando certa incerteza que lle faga moderar a velocidade.

Así mesmo, proxecto de mellora da estrada provincial EP-0602, segundo explica Benítez, incluirá a canalización actual de drenaxe, a mellora da iluminación (con 22 novas luminarias) e tamén a creación dun espazo de tránsito adaptado para persoas con visibilidade reducida. O prazo de execución das obras será de catro meses logo do inicio das obras, polo que se non se producen problemas coa climatoloxía estarán finalizadas na primavera de 2019.