Visto e prace de patrimonio ao proxecto de humanización da rúa García Barbón, agás no ámbito da rotonda de Isaac Peral

A Dirección Xeral conclúe que non está xustificado o traslado do monumento a García Barbón, xa que conta con protección integral no Plan Xeral de Ordenación
Publicado por o día 19/10/2018 na sección de Galicia,Vigo

Visto e prace de patrimonio ao proxecto de humanización da rúa García Barbón, agás no ámbito da rotonda de Isaac Peral

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, vén de autorizar ao Concello de Vigo as obras de humanización da rúa García Barbón, agás no ámbito da rotonda de Isaac Peral. Concretamente, e respecto ao traslado do monumento a García Barbón, os técnicos do departamento conclúen que non está xustificada a intervención sobre este elemento que conta con protección integral no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

Tralo estudo do expediente, os servizos técnicos de Patrimonio de Pontevedra acordaron informar favorablemente as obras, que consideran compatibles coa conservación do ben patrimonial, aínda que as condicionan a realización dun proxecto de sondaxes valorativas. Unha intervención arqueolóxica cuxos resultados deberán ser presentados para a súa autorización pola Dirección Xeral xa que á vista dos mesmos poderán modificarse as condicións da autorización das obras.

En consecuencia, as obras non poderán empezar en tanto non se reciba o correspondente permiso. Asemade, dado a potencialidade arqueolóxica da zona, no transcurso das obras prevese levar a cabo o control arqueolóxico de todas as accións que impliquen algún tipo de movemento de terra na área de protección do xacemento romano do Areal.

Segundo recordan desde a Dirección Xeral, a zona onde o Concello de Vigo solicita actuar atópase no ámbito do xacemento do Areal, polo tanto é unha zona con alta potencialidade arqueolóxica e, en consecuencia, figura recollido nas fichas normativizadas do Patrimonio Cultural de Galicia.