Visto e prace do Consello de Goberno á Comunidade Alumni-UVigo

A sesión estivo marcada polas medidas aprobadas contra a covid e a organización do vindeiro curso
Publicado por o día 02/02/2021 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Coa aprobación por asentimento hoxe en Consello de Goberno da normativa de uso e funcionamento e da política de privacidade, a Universidade de Vigo súmase ás institucións de educación superior que contan cunha comunidade alumni. A Comunidade Alumni-UVigo é novo servizo que ten como obxectivo principal “xerar un novo espazo de comunicación que permita non só manter activo o vínculo entre a Universidade de Vigo e as persoas tituladas, ou outros colectivos que mantivesen vinculación académica ou contractual coa institución, senón tamén establecer sinerxías dentro dos e das usuarias que faciliten o seu desenvolvemento persoal e profesional”, explicou a vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, en relación con este servizo, que botará a andar o vindeiro 10 de febreiro.

Xunto á creación da Comunidade Alumni-UVigo, a primeira sesión ordinaria de Consello de Goberno do ano 2021 estivo protagonizada, por unha banda, por cuestións básicas para a organización do vindeiro curso como a convocatoria de concesión de anos sabáticos, os criterios de elaboración da programación docente anual ou o teito de horas destinadas a actividades de xestión e apoio nos centros e campus, e pola outra, polas medidas adoptadas nos últimos días para frear o avance da covid na institución. Neste sentido, o reitor lembrou no seu informe que o inicio do segundo cuadrimestre retrásase ata o vindeiro luns, momento no que a docencia reanudarase en formato virtual, ao tempo que manifestou a súa disposición “a traballar con centros e vicerreitorías para facelo o mellor posible ante os diferentes escenarios que se poidan presentar, axustando calendarios, concentrando clases, etc…”. Manuel Reigosa, que tamén reiterou que a incidencia da covid na UVigo está “bastante por debaixo da que se rexistra en Galicia” e que a maior parte dos casos producíronse fóra da institución, asegurou, xa nun punto da orde do día referido ás condicións de traballo do PDI, que “agora hai máis razóns para que o profesorado vaia aos centros”. O reitor respondía nestes termos á intervención da representante sindical do PDI Marta Pazos Currás que nun escrito solicitara que se estudasen os casos particulares de docentes que amosan o seu interese en impartir clase desde os seus domicilios. “Esta é unha situación puntual porque estamos nunha situación excepcional e pedimos que a xente poida elixir”, dixo Pazos, a quen o reitor lembrou que a ausencia de alumnado nos centros minimiza os riscos para o profesorado. “Ademais da docencia temos outras obrigas de investigación ou xestión e como servidores públicos non se pode dar unha imaxe desenfocada e temos que dar exemplo”, dixo o reitor, que asegurou que se estudarán todos os casos e de haber perigo real, acadarase unha solución.

No seu informe aos membros do Consello, ademais de lembrar a proposta realizada pola Xunta en base a un estudo de Feuga sobre as novas titulacións de mestrado a implantar a partir do vindeiro curso e destacar a ausencia de propostas no ámbito humanístico, Reigosa se referiu á campaña Boli Violeta desenvolvida pola delegación de alumnado da EE Industrial. Tras asegurar que houbo un erro na campaña “porque a menstruación e os produtos de hixiene non hai que agochalos porque é algo natural”, Reigosa gabou o comportamento “impecable” do alumnado ao desligar á Universidade desta iniciativa privada.

A Comunidade Alumni-UVigo xa é unha realidade

Colaborar coas tarefas de coñecemento da situación e da bagaxe profesional do antigo alumnado da UVigo que desenvolveu ata agora o Observatorio de Persoas Tituladas; facilitar a localización de antigo alumnado, a quen lle poida xurdir algún asunto de interese particular ou colectivo: oportunidades de traballo, posibles colaboracións, reunións de antigo alumnado etc; apoiar a carreira e o prestixio profesional da Comunidade Alumni-UVigo; favorecer as relacións de rede de contactos profesionais, así como aumentar as posibilidades de xerar oportunidades de negocio entre a comunidade; organizar encontros ou estreitar vínculos de colaboración entre as empresas e as institucións nas que se atopen integrados os usuarios da comunidade Alumni-UVigo e a propia UVigo, en materias de interese común, son algúns dos obxectivos do novo servizo que a Universidade de Vigo porá en funcionamento a vindeira semana e que hoxe aprobou o Consello de Goberno.

Tras estudar os modelos existentes noutras universidades, no caso de Vigo explicou Natalia Caparrini, optouse por un modelo mixto para implantar este servizo que poderán integrar persoas tituladas pola UVigo, PDI, PAS ou alumnado de programas de mobilidade. Ademais, de forma motivada, poderáselles outorgar os recoñecementos de alumni-UVigo honorífico a persoas que sen pertencer a ningunha das categorías anteriores, pero con unha relevancia, ou que os seus méritos de excelencia, as fagan merecedoras de tal distinción, como é caso dos doutores/as honoris causa pola propia universidade. Outras dúas categorías serán as de alumni-UVigo distinguido en atención a súa especial implicación coa comunidade, sexa a través de accións de mecenado, mentoría, facilitadoras de emprego, acollida etc, e amigo de alumni-UVigo para persoas achegadas e amigos da institución que sen pertencer a ningunha das categorías definidas previamente mostren o seu manifesto para formar parte activa da comunidade

As persoas usuarias da comunidade Alumni-UVigo disfutarán entre outros dos beneficios de participar en accións colectivas de carácter cultural, social, electivo etc; vantaxes que ofrezan tanto a UVigo coma entidades colaboradoras á comunidade, como actividades de extensión universitaria, tanto culturais coma deportivas, uso do servizo da biblioteca e servizos de préstamo de libros, acceso á oferta formativa ofrecida polo Centro de Linguas, o Servizo de Orientación Laboral ou o Servizo de Creación de Empresas; promover a súa marca ou dar a coñecer a súa imaxe no caso de que exerza o rol de patrocinador/a ou mecenas ou acceder a recoñecementos, premios, axudas etc., promovidos para ou pola comunidade Alumni-UVigo.

Planificación da docencia cara ao vindeiro curso

Co obxectivo de organizar cuestións relevantes para impartir a docencia o próximo curso 21/22 as persoas integrantes do órgano de goberno da UVigo aprobaron hoxe a convocatoria de concesión de anos sabáticos que contempla dúas novidades. Dunha banda, e ao igual que un dos criterios do baremo valoraba os sexenios de investigación, agora se engade coa mesma puntuación os sexenios de transferencia, dentro do proceso de valoración destes novos complementos. Doutra, explica o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, “tamén no baremo, ata agora definíanse dous tramos para a valoración dos cargos académicos, de tal xeito que os que tiñan menos de 10 anos de antigüidade se contabilizaban o 100% e os de máis de 10 anos o 50%. Na mesa de negociación decidiuse introducir un terceiro tramo, de tal xeito que agora os cargos con entre 10 e 20 anos de antigüidade contan o 75% e os de máis de 20 anos o 50%”. En canto aos criterios de elaboración da PDA para o vindeiro curso aprobados nesta sesión, introdúcense algúns axustes co obxectivo, asegurou Ramos, de facer máis estables cada curso as PDAs de cada centro, ao tempo que se aumenta o recoñecemento na bolsa de horas en caso de que se coordine un mestrado interuniversitario. Por outra banda, e despois de anos conxelado en 13.500, hoxe se aprobou un incremento do teito de horas destinadas a actividades de xestión e apoio nos centros e campus para o vindeiro curso ata acadar as 13.750.

Doutra banda, en relación coa aprobación da convocatoria de selección de áreas de coñecemento para a convocatoria de prazas correspondentes ao 15% reservado para persoal investigador nas ofertas de emprego público de 2018 e 2020 da UVigo, o reitor destacou e agradeceu o acordo acadado na mesa de PDI. “Tardamos pero ten vocación de permanencia para que as persoas que poida optar saiban cales sons as condicións”, dixo Reigosa en relación con este punto no que Emilio Fernández, voceiro de Ideas que Suman solicitou unha melloría na redacción dun punto co obxectivo de clarificar a súa comprensión.

Na sesión tamén se deu luz verde ao calendario e procedemento para a aprobación de verificación e modificación de titulacións para o curso 22/23, que non introduce novidades destacables respecto da anterior convocatoria, e tamén se aprobou unha modificación das Condicións de Traballo do PDI para este curso, de xeito que se engaden dúas novas situacións nas que se permite a docencia non presencial ao profesorado, e que en decembro do ano pasado xa se aprobaran para o estudantado, e que son, a prescrición médica de non uso da máscara e a convivencia con persoas de especial vulnerabilidade.

Memoria de responsabilidade social e quenda de intervencións

Nesta sesión, na que os membros do Consello aprobaron un acordo sobre a consideración de “membro da comunidade universitaria” ou de “persoa vencellada” á mesma en relación coas actividades de extensión universitaria, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación presentou o informe sobre a Memoria de responsabilidade social da UVigo do ano 2019 co que a institución rende contas do impacto social que xera o seu labor docente, investigador e de transferencia. Na súa comparecencia Maribel Doval lembrou algúns dos fitos destacados dese ano como a aprobación dos estatutos e a creación do Observatorio de persoas tituladas da UVigo, da Oficina de proxectos internacionais ou das salas de lactación nos tres campus. A memoria recolle, entre outras accións, que durante 2019 se rexistraron 329 actividades relacionadas coa responsabilidade social e que no curso 18/19, 256 persoas dedicaron algunhas horas á actividades de voluntariado nun total de 37 programas. Así mesmo, sinálase que para o cumprimento da Axenda 2030, acometéronse unha serie de accións dentro da Área de Responsabilidade Social e Cooperación orientadas a constituír a base dunha estrutura de cooperación permanente na Universidade, como actividades de sensibilización, cursos de formación, bolsas, premios, proxectos de cooperación ou a  posta en marcha do rexistro Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (CUD). Por outra banda, en 2019 se produciron un total de 70.470 visitas ao Portal de Transparencia, o que implica un aumento dun 2,44 % con respecto ao ano anterior e recibíronse a través da caixa de queixas, suxestións e parabéns un total de 733 comunicacións.

Xa na quenda de intervencións, Emilio Fernández trasladou ao reitor a demanda de docentes do Departamento de Matemática Aplicada para que lle traslade á Valedora universitaria unha resolución reitoral sobre un caso ocorrido no ano 2016 cun grupo de estudantes, que segundo o profesorado, supostamente conseguirían un exame a través dunha fonte externa. Tras sucesivas accións por parte, primeiro de Salustiano Mato, e posteriormente por parte do actual reitor, e mesmo por parte de tribunais, Reigosa confirmou hoxe que en outubro do ano pasado xa ditara unha resolución reitoral, que descoñecía que non lle chegara á Valedora, como aseguran desde o departamento. Pola súa banda, o director da EE Industrial trasladou ao Consello a súa preocupación pola paralización das prácticas, que Pardo Froján defende que deberían continuar, dado que as empresas se dotaron de protocolos para asegurar a saúde do alumnado e se non se fan “o prexuízo pode ser grande. Pode haber mecanismos para empezalas, sen poñer a ninguén en risco”, dixo o director do centro, a quen o reitor lle respondeu asegurando que se volverá a facer a consulta á Conselllería por se hai prolongación do escenario virtual, saber que se vai facer coas prácticas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.