O Comité Executivo do Consorcio Casco Vello de Vigo vén de aprobar a contratación do proxecto de rehabilitación de Cruz Verde 12, tal e como informou o presidente do ente rehabilitador e delegado da Xunta, Ignacio López-Chaves.
Segundo dixo, a contratación deste proxecto, adoptado pola modalidade do procedemento aberto simplificado, inicia o proceso para a creación de dúas novas vivendas de tres habitacións e un local comercial. Unha actuación que se suma a outras intervencións anteriores e a que se está a realizar no número 8 desta mesma vía. O orzamento é de 344.141,76 euros e o prazo de execución, unha vez que se inicien as obras, de doce meses.
O edificio na súa orixe estaba formado por planta baixa e tres pisos e sitúase sobre unha parcela de aproximadamente 85 metros cadrados. Tras a súa compra en xuño de 2016, o CCVV tivo que proceder ao baleirado interior dado o seu mal estado de conservación, polo que o proxecto agora aprobado consiste na súa rehabilitación integral para adecualo ás condicións de salubridade, hixiene, illamento e seguridade mínimas necesarias. Para iso, procederase á modificación da súa volumetría orixinal a fin de adecuala á normativa actual, contemplándose o cambio de configuración da cuberta, que pasa a ser a dúas augas, e a diminución do fondo construído, que se reduce aos doce metros.
Segundo o novo deseño arquitectónico, a planta baixa acollerá un local comercial e a zona de acceso común ás vivendas. No primeiro andar e na parte de diante da segunda planta crearase unha vivenda unifamiliar de tres estancias, en tanto que a parte posterior da segunda planta e a totalidade da terceira acollerán outra vivenda unifamiliar, tamén de tres estancias.
Os traballos contemplan tamén a cimentación dos piares metálicos e do foso do ascensor; a modificación da soleira (para o seu correcto illamento) e a canalización das instalacións necesarias; unha nova estrutura en todos os pisos a base de forxados de chapa sobre vigas metálicas; unha cuberta de tella de acordo coa volumetría fixada no
Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI); o levantamento dunha nova fachada traseira, cos ocos necesarios para a ventilación e iluminación das habitacións; e a rehabilitación da fachada a Cruz Verde, que inclúe a reposición da galería do terceiro andar e das carpintería de madeira.
Vía da expropiación
O representante autonómico aproveitou unha vez máis para reclamarlle ao Concello de Vigo a activación da vía da expropiación, pendente desde maio de 2017. López-Chaves matizou que esta alternativa é unicamente aplicable nos inmobles que se atopan no marco do Plan de Actuación do Consorcio Casco Vello de Vigo e que abranguen a zona alta. Segundo cifrou, “estaríamos a falar concretamente de cinco edificacións”, as correspondentes a Ferrería 1, Abeleira Menéndez 14, San Sebastián 20 e Subida ao Castelo 9 e 11, “nas que doutro xeito non poderíamos actuar” dixo.
Ao fío, o delegado territorial lamentou que o organismo rehabilitador non poda seguir comprando inmobles co remanente de 6 millóns de euros do que dispón, ao tempo que advertiu dunha futura parálise da actividade do ente se o Concello non firma o seu acordo. “O Consorcio non ten capacidade expropiadora, pero a Administración local si e, de non aplicala, sería responsable da paralización da actividade”, concluíu.
Rehabilitación do edificio da rúa cruz verde 12
Visto e Prace do consorcio casco vello de Vigo ao proxecto de rehabilitación do edificio da rúa cruz verde 12Máis información na ligazón https://www.noticiasvigo.es/visto-e-prace-do-consorcio-casco-vello-de-vigo-ao-proxecto-de-rehabilitacion-do-edificio-da-rua-cruz-verde-12/#Vigo #CascoVelloAlto
Publiée par Noticias de Vigo sur Vendredi 12 octobre 2018
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.