Vitoria das comunidades: a empresa galega, Ecoener-Hidralia, abandona definitivamente Guatemala

Nota de prensa de Amigos da Terra
Publicado por o día 27/12/2016 na sección de Amigos da Terra,Medio Ambiente,Vigo

Vitoria das comunidades: a empresa galega, Ecoener-Hidralia, abandona definitivamente Guatemala

Unha campaña internacional pon fin á ocupación dun río indíxena por parte dunha empresa galega en Guatemala

Amigos da Terra e Alianza pola Solidariedade recollemos máis de 20.000 firmas para esixir a retirada dun proxecto rexeitado polas comunidades indíxenas

Satisfacción tras case unha década de conflito en Huhuetenango, onde líderes indíxenas foron encarcerados por oporse á obra sobre o río Canbalam

Alianza pola Solidariedade, Amigos da Terra e os nosos socios en Guatemala, seguindo a vontade das comunidades, celebramos a renuncia, da empresa galega Ecoener-Hidralia, a construír unha presa no río indíxena Cambalan, un proxecto que provocou graves conflitos: persecución, asasinatos, criminalización e encarceramento de líderes indíxenas que defendían os dereitos das súas comunidades. Finalmente o proxecto foi desestimado tras a campaña de presión internacional, con máis de 20.000 firmas de apoio.

A empresa xa paralizara as obras hai meses no departamento de Huehuetenango, así como retirado os cargos contra os líderes indíxenas que foron denunciados e encarcerados por rexeitar a implantación da hidroeléctrica nun territorio de gran valor ambiental, considerado sagrado polos pobos indíxenas Q’anjob’ao, Chuj, Akateko, Popti’.  Con todo, non renunciara oficialmente á concesión, polo que as comunidades temían o seu regreso no futuro.

Nun comunicado da empresa, publicado en medios de Guatemala, recoñecen que o proxecto “non adquiriu a aceptación dunha parte significativa dos habitantes do territorio nos que pretendía instalarse. Ecoener-Hidralia entrou en Guatemala no ano 2007 coa intención de construír un proxecto hidroeléctrico no río Canbalam, no territorio indíxena de Santa Cruz de Barillas.

A empresa asentouse no país vulnerando os dereitos das comunidades residentes na zona, violando o dereito a unha consulta previa sobre a obra, libre e informada, e fomentando a represión contra os líderes das comunidades que se opuxeron a ela. Ante a falta de consenso, as propias comunidades realizaron unha consulta popular, na que máis do 90% da poboación opúxose de forma tallante ao proxecto da empresa galega.

En 2015, Alianza pola Solidariedade (dentro da súa campaña TieRRRa a favor de que as empresas respecten os dereitos humanos e os recursos naturais) e Amigos da Terra, iniciamos un recollida de firmas para reclamar a desestimación da obra e o fin das accións contra as poboacións indíxenas.

Finalmente, o pasado 4 de novembro foron todas elas entregadas ao embaixador de Guatemala en España, Fernando Molina Girón. Uns días antes, o caso presentouse ante a ONU, da man de Amigos da Terra, como exemplo da necesidade dun tratado vinculante internacional que acabase coa impunidade de empresas multinacionais ante as violacións de dereitos humanos e ambientais que cometen coas súas operacións no estranxeiro.

Cabe lembrar que, segundo a investigación realizada por Alianza pola Solidariedade, a hidroeléctrica non achegaba ningunha mellora ás comunidades afectadas: nin en emprego, nin en servizos, nin beneficios sociais ou ambientais e, ademais, desde o seu nacemento estaba inmersa nunha controversia xurídica e social que arroxa grandes sombras sobre o proxecto.

Para Alianza pola Solidariedade e Amigos da Terra esta renuncia pon de manifesto a importancia de apoiar as reivindicacións dos pobos indíxenas fronte á chegada de transnacionales que non teñen en conta os dereitos das comunidades.

Ambas as organizacións esixen que Ecoener-Hidralia cumpra coa súa palabra e abandone definitivamente o proxecto, así como calquera outro intento no futuro de comezar outro macroproyecto no territorio, a través dalgunha das súas filiais. Neste sentido, apoian a necesidade dun tratado vinculante, a nivel internacional, que poña fin ao acaparameento de recursos naturais por parte de grandes empresas, nacionais e estranxeiras, co apoio dos gobernos.