Vitoria en fútbol gaélico, derrota en rugby

O Campus Universitario Ourense perdeu contra o VRAC B de Valladolid
Publicado por o día 09/10/2018 na sección de Deportes,Galicia,Ourense,Universidade de Vigo

Vitoria en fútbol gaélico, derrota en rugby

Os equipos do campus de Ourense tiveron desigual sorte nos partidos disputados esta fin de semana. Mentres o Campus Universitario Ourense de rugby perdeu pola mínima o partido disputado contra o VRAC Quesos Entrepinares B de Valladolid, a categoría masculina do Auriense FG gañou ao Mecos FG de O Grove.

Segunda vitoria en fútbol gaélico

Desde o Auriense FG sinalan como despois da vitoria da pasada semana en terras coruñesas contra Ártabros, a categoría masculina estreábase esta fin de semana como local ante o conxunto de Mecos FG de O Grove, que regresaba á competición tras un ano de ausencia. O resultado final foi  Auriense FG 05-14 (29) – Mecos FG 02-13 (19). Sobre a crónica do encontro subliñan como os primeiros 20 minutos da primeira metade estiveron marcados polo dominio ourensán no marcador, “con acerto por porta e a paus, mais no último tramo deste primeiro acto os do Grove acurtaron distancias cun fenomenal acerto a paus e asegurando as faltas sempre con punto”.

A segunda metade, engaden desde o club, comezou con ritmo baixo por parte de ambos equipos, “porén a medida que avanzaban os minutos a intensidade por parte dos nosos foi subindo, do mesmo modo o noso acerto, e en poucos minutos a distancia no marcador atopábase por riba dos 10 tantos”. Os visitantes, indican desde o Auriense FG, “non deixaron de tentalo en ningún momento pero a distancia mantívose ao final do partido e ficou en 10 tantos ao noso favor”.

Malos resultados en rugby

Polo que respecta ao rugby, o Campus Universitario Ourense “sucumbiu ante o filial do VRAC de Valladolid”, segundo explican desde o club. A derrota, recalcan, “foi unha vez máis pola mínima dun só punto, 13-12, e deixa claro mal sabor de boca tras ter o partido nas nosas mans”. Alén do marcador, desde o equipo sinalan que a nota máis negativa foi as lesións de Moti e Joe. Con este resultado, que deixa ao equipo ourensán con dúas derrotas e dúas vitorias no que vai de tempada, o Campus Universitario Ourense sitúase quinto do seu grupo na división de honra B do rugby estatal.

Tamén sumou unha derrota esta fin de semana o equipo sénior do Campus Universitario Ourense, que perdeu 27-33 contra Mareantes RC na segunda división da liga galega de rugby.