Vivendas de uso turístico en Cangas do Morrazo

A Concelleira de Medio Ambiente e Turismo ven de pronunciarse sobre o novo decreto de regulación de vivendas de uso turístico
📣 Publicado por el 22/03/2017 en la sección de Cangas - Galicia - Turismo - Vigo

Vivendas de uso turístico en Cangas do Morrazo

A Concelleira de Medio Ambiente e Turismo ven de pronunciarse sobre o novo decreto de regulación de vivendas de uso turístico.

Tras varias reunións coa veciñanza que conta con vivendas de uso turístico, Tania Castro, concelleira de medio ambiente e turismo, expoñe unhas cuestións básicas que se veñen repetindo en tódalas reunións.

O Rexistro dunha vivenda de uso turístico, na delegación de Pontevedra da Axencia de Turismo de Galicia, non se poderá efectuar ata o 10 de maio do 2017, día a partires do que deberán presentar o documento “Declaración responsable” que se lles solicita.

Para este rexistro, a persoa propietaria deberá cubrir o modelo que a Xunta de Galicia realice e que o concello de Cangas porá a disposición das persoas interesadas en canto sexa facilitado, e pagar unha taxa de inscrición á Xunta de 56,26 €.

Tania Castro di que só deberá inscribirse a veciñanza que teña unha vivenda que queira alugar por períodos de menos de 30 días e a vaia a alugar dúas ou máis veces ao ano. Todas aquelas persoas que aluguen unha vivenda por períodos maiores de 30 días non se inscribirán neste rexistro e rexeranse pola Lei de Arrendamentos Urbanos como ata o de agora.

De carácter obrigatorio para todo aquel veciño ou veciña que se inscriba:

  • A vivenda debe estar amoblada co equipamento mínimo necesario, estar limpa e ter calefacción se o aluguer se vai a producir entre outubro e maio.
  • Ter un seguro de responsabilidade civil que cubra os riscos do usuariado. Este seguro, habitualmente, xa está integrado no seguro habitual de vivendas. Recoméndase a cada veciño e veciña que o consulten co seu axente de seguros.
  • Dar parte á Garda Civil dos viaxeiros/as que se aloxen na vivenda.
  • Ter un número de teléfono habilitado 24 horas (atención de incidencias) e contar con follas de reclamacións.

Dispoñer da seguinte documentación mínima:

  • DNI da persoa arrendadora.
  • Escritura de propiedade da vivenda.
  • Licenza de primeira ocupación.

Dado que varias vivendas non contan con este documento (simplemente porque no momento de construción non se redactaban) a persoa propietaria que non teña licenza de primeira ocupación deberá solicitar no concello un “Informe de vivenda que non está cualificada como ilegal polo concello a efectos urbanísticos”, documento que conta cun custe de 65,07€ e solicítase mediante instancia dirixida ao departamento de urbanismo.

A concelleira entende as incomodidades que esta regularización pode ocasionar para a veciñanza e queda a disposición, tanto mediante citas presenciais no concello de luns a venres de 12:00 a 14:00 horas, como por e-mail en t.castro@cangas.gal ou medioambiente@cangas.gal.

“Dende a concellaría faremos todo o que estea nas nosas mans para facilitar que a nosa veciñanza siga alugando as súas vivendas con uso turístico. Estes alugamentos son esenciais para o desenvolvemento económico e turístico de Cangas e temos que ter a capacidade, como conxunto, de proporcionar ao visitante o máis amplo abano de posibilidades”, engade Tania Castro.