Vodas de Ouro multitudinarias en Mos

O Concello reunirá o domingo en Costoias a 37 matrimonios mosenses e ás súas respectivas familias para que celebren xuntos o seu 50 aniversario nun acto no que se estima que participarán 700 persoas
Publicado por o día 23/08/2017 na sección de Eventos,Galicia,Mos

Vodas de Ouro multitudinarias en Mos

Un ano máis o Concello de Mos celebra a súa tradicional Festa da Terceira Idade, que acostuma a ser un acto multitudinario ademais de moi emotivo e familiar, ao congregar a tódolos matrimonios mosenses que celebran neste ano as súas Vodas de Ouro, xunto coas súas familias e amigos. Así é que unha das celebracións máis emblemáticas do Concello de Mos é a Festa dos Maiores, que chega este ano á súa vixésimo sétima edición que se celebrará o vindeiro domingo 27 de agosto.

O Concello de Mos organiza un ano máis a Festa da 3ª Idade dirixida aos maiores de Mos, que se celebrará en Costoias, parroquia de Tameiga, cunha Misa Cantada previa na Capela da Virxe da Pena de Francia. Este ano a celebración cumpre a XXVII edición e contará coa asistencia dos matrimonios homenaxeados que cumpren as súas vodas de ouro ou 50 anos de casados, acompañados dos seus familiares e amigos.

Esta emblemática festa soe gozar cada ano dun éxito rotundo (o ano pasado asistiron 700 persoas) e está concebida dende a administración local como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade; así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.

Na Festa da Terceira Idade de Mos homenaxéase aos matrimonios, das dez parroquias mosenses, que cumpren os 50 anos de casados. Este ano o número total de mosenses que cumpren as súas vodas de ouro son 37 parellas de todo o municipio, un total de 74 persoas ás que dende a admistración local mosense xa se lles está a facer chegar cadansúa invitación.

Da parroquia de Tameiga procede o grupo máis numeroso, de 13 matrimonios, de Torroso 4 matrimonios, de Pereiras 3, de Petelos 1, de Sanguiñeda 2, de Guizán 3, de Mos 2, de Cela 5 matrimonios, de Dornelas 1, de Louredo tamén 1 e 2 matrimonios que actualmente residen en Vigo e O Porriño pero que son naturais de Mos.

Os obxectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.

O festexo iniciarase ás 12.00 horas da mañá cunha Misa Cantada na Capela da Virxe de Pena de Francia. Ás 13.00 horas a Charanga ‘Os Charamujas’ de Guizán dará un concerto e ás 14.00 horas comezará o aperitivo campestre gratuíto para tódolos asistentes. Os matrimonios homenaxeados tamén serán convidados polo Concello ó xantar.

Coa sobremesa, ás 16.00 horas, chegará a actuación musical do Grupo 3.com e a entrega de agasallos ós homenaxeados. Ós matrimonios que non estean presentes entregaráselles o detalle no seu domicilio.