Volatilidade e incrementos bruscos dos prezos dos combustibles, principais riscos para a seguridade enerxética en España

Os expertos recomendan fomentar o uso de fontes menos variables e estimular o aforro enerxético
Publicado por o día 21/06/2017 na sección de Universidade de Vigo

Volatilidade e incrementos bruscos dos prezos dos combustibles, principais riscos para a seguridade enerxética en España

O último informe do Centro de Investigación Economics for Energy, presentado hoxe no Club Español de la Energía en Madrid, conclúe que a volatilidade e os incrementos bruscos nos prezos dos combustibles fósiles, nomeadamente petróleo e gas, son actualmente os maiores factores de risco económico en relación coa seguridade enerxética en España. O informe, presentado polos directores de Economics for Energy, o catedrático de Economía da Universidade de Vigo Xavier Labandeira e o vicerreitor de Investigación e Internacionalización da Universidad Pontificia Comillas, Pedro Linares, destaca que nun contexto de moi elevada garantía de subministro físico de enerxía, debida á actual regulación e xestión dos sistemas, os factores relacionados cos prezos supoñen un custo para a economía española de ata un 1% do PIB, equiparable en ocasións ao 100% do prezo da propia enerxía, o que indica a súa relevancia. Segundo os autores, “as solucións a esta problemática en España non só hai que buscalas na diversificación das fontes enerxéticas, senón tamén en flexibilizar a economía”.

O traballo presentado hoxe analiza as evidencias existentes sobre o custo que supón para a economía española o estado actual de seguridade enerxética, entendida esta como a capacidade de dispoñer dun subministro de enerxía ininterrompido a custos accesibles. Neste sentido, os expertos insisten na importancia de non confundir este concepto co de dependencia enerxética, que mide a porcentaxe de enerxía que ten que importar un país. Labandeira e Linares estableceron uns baremos para a medir as consecuencias da inseguridade enerxética, por unha banda, con base no custo causado por unha eventual falta de subministro, multiplicado polo risco de que esta chegue a ocorrer e, por outro, no custo de axuste para a economía da volatilidade dos prezos da enerxía, multiplicado pola magnitude desa volatilidade (a desviación con respecto a un prezo medio estable).

A volatilidade por riba do risco de falta de subministro

A pesares de que o custo dunha falta de subministro eléctrico é moi elevado por unidade enerxética, próximo aos 6000 euros por MWh, a súa baixa probabilidade, debida á regularización e a xestión do sistema, fai que a súa relevancia en termos absolutos se reduza a menos dun 1% do custo da electricidade en España. “No cálculo dese custo contémplanse os impactos económicos e sociais dun corte no subministro, como a perda da produción e os danos en equipos nas empresas ou a falta de confort no fogar e os riscos para a saúde das persoas”, explican os autores que poñen de manifesto a ausencia de estudos que midan o custo ou a probabilidade dunha interrupción de subministro de gas ou petróleo, polo que recomendan promover a realización destas análises para dispor dunha panorámica completa sobre este factor.

Labandeira e Linares precisan que debe recibir moita máis atención a variabilidade dos prezos que a probabilidade de que se produza unha falta de subministro. “Os continuos custos dos axustes que debe enfrontar a economía para adaptarse á volatilidade dos prezos son os protagonistas da ecuación, sobre todo tendo en conta que os reequilibrios da economía española son complexos, dadas as súas numerosas rixideces” sinalan os investigadores, que formulan a necesidade de flexibilizar o sistema económico español para que sexa quen de absorber cambios nos prezos da enerxía minimizando as consecuencias negativas.

Recomendación de políticas eficientes

O progreso significativo nas políticas que aumentan a flexibilidade do consumo de enerxía e da economía e reducen a dependencia de combustibles con prezos volátiles é a principal recomendación que realizan os redactores do informe. “Dado que os custos do axuste supoñen o principal factor de risco para a economía española en termos de seguridade enerxética, é importante tomar medidas destinadas a reducir o impacto dos vaivéns dos prezos”, explican os expertos, que tamén inciden na necesidade de que estas políticas sexan eficientes, é dicir, a garantía de que os seus custos sexan inferiores aos beneficios que pretenden acadar.

Fomentar o uso de fontes menos volátiles nos seus prezos e estimular o aforro enerxético, ademais de aumentar as opcións de subministro e flexibilizar a demanda na medida do posible, son as principais recomendacións dos expertos cara ao deseño do sector enerxético do futuro, todo iso combinado coa garantía de continuidade do baixo risco de fatal de subministro actual. “Con estas medidas, sumadas ás derivadas da necesidade de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro e adaptación ao cambio climático, a economía española reduciría os seus custos de inseguridade enerxética e o seu perfil estaría marcado por unha transición dos combustibles fósiles cara ás fontes renovables, cun maior grao de interconexión e coordinación nas políticas de seguridade cos países na súa contorna e unha economía moito menos intensiva no uso da enerxía”, sinalan Labandeira e Linares.