En Verdegaia consideramos que a promoción do transporte colectivo é unha peza fundamental para diminuír o consumo dos combustíbeis fósiles, polo que queremos achegar o noso gran de area mediante un proxecto que até agora ningunha administración se preocupou en elaborar. Dende hoxe pódese atopar resumida nun so sitio (verdegaia.org) toda a información sobre os diferentes medios de transporte (bus, barco e tren) que comunican Vigo coas comarcas veciñas (Morrazo, Pontevedra, Louriña, Condado, Baixo Miño e Val Miñor). Permite a consulta dos horarios de saída e chegada, dos horarios de pasaxe polas principais paradas e obter información sobre as diversas posibilidades de intermodalidade, é dicir, de combinación de diferentes medios de transporte.
Deste modo tentamos solucionar o baleiro informativo que existe ao redor do transporte interurbano na cidade de Vigo xa que a maioría da poboación descoñece que entre Vigo e O Porriño hai 62 conexións diarias ou que entre Vigo e Pontevedra hai 59. A pesar de existir un número considerable de conexións, ao longo dos anos permitiúselles ás diferentes concesionarias ir adaptando as frecuencias a medida do seu propio interese levando a unha situación na que ao cidadán non se lle presenta unha opción de transporte colectivo clara e ordenada senón unha serie de servizos desconexos, caros e lentos.
O impase verificado nas negociacións entre o Concello de Vigo e a Xunta de Galicia amosan a desidia con que estas administracións afrontan o grave problema que supón o (ab)uso de coches e motos coa consecuente emisión de gases prexudiciais tanto para o medio ambiente como para a saúde das persoas. Cabe recordar que en Vigo se segue ignorando o potencial da bicicleta como medio de transporte e que os viaxeiros máis asiduos do bus urbano seguen sen poder acceder a bonos semanais/mensuais (como por exemplo xa existe no transporte de ría).
Ambas administracións rexeitan aumentar os fondos que achegan para a implantación do transporte metropolitano, o que ven sendo unha actitude inxustificable cando o valor en discordia é irrisorio se comparado con as subvencións que o concello de Vigo destina a compañías aéreas ou as subvencións que a Xunta destina ás concesionarias de autoestradas, ambas orientadas a promover o uso de vehículos altamente contaminantes.
É por iso que instamos ao concello de Vigo e á Xunta para que aceleren a implantación do transporte metropolitano e que este non se limite á creación do billete único (imprescindible para permitir transbordos), senón que tamén estableza unha coordinación entre todos os medios de transporte de modo a que estean adaptados ás necesidades reais das persoas.
Aproveitamos para recordar as principais eivas que calquera usuario de barco, bus ou tren detecta na area de Vigo:
– unha estación marítima que utiliza como punto de embarque un peirao afastado da estación marítima e da parada de bus urbano, obrigando os pasaxeiros a percorrer unha distancia innecesaria e incómoda á intemperie;
– descoordinación horaria dos buses urbanos cos medios de transporte interurbano, obrigando os pasaxeiros a prolongados períodos de espera para poder combinalos;
– desinterese de todas as administracións pola creación dun servizo de tren de proximidade simplemente aproveitando a infraestrutura de “Y invertida” Vigo-Pontevedra-Tui con centro en Redondela;
– unha estación de buses que: non ofrece asento nas plataformas levando a que os pasaxeiros se teñan que sentar no chan ou nas escaleiras; que presenta equipamentos avariados e non dispón de paineis informativos en condicións;
– debate anacrónico sobre se a futura estación de Urzáiz debe acoller unha terminal de buses. É fundamental garantir unha estación intermodal dende a cal exista un servizo de lanzadeiras de bus urbano aos principais puntos de afluencia da cidade.
PRENSA VERDEGAIA
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.