Xa se poden recoller as entradas para as dúas obras de teatro do Nadal e o espectáculo do Apalpador na Guarda

Publicado por o día 17/12/2018 na sección de A Guarda,Galicia

Xa se poden recoller as entradas para as dúas obras de teatro do Nadal e o espectáculo do Apalpador na Guarda

O Concello da Guarda ofertará dúas obras de teatro na Axenda de Nadal 2018/19 coas funcións do teatro para nenos «Tristán» o vindeiro xoves 27 de decembro ás 17:30h no Centro Cultural e do teatro-clown musical para adultos «Route 66» o venres 28 de decembro ás 21:00h no Centro Cultural da Guarda, e o sábado 29 co espectáculo do Apalpador, tamén no Centro Cultural.

O xoves 27 de decembro ás 17:30h o Centro Cultural acolle a sesión de teatro “Tristán” a cargo da compañía Elegante Elefante, as entradas estarán dispoñibles dende o 17 de decembro no Centro Cultural. “Tristán” é un espectáculo visual dirixido ao público infantil dos 3 aos 12 anos, unha comedia xestual interpretada ao estilo dos debuxos animados onde as palabras se transforman en xestos e os personaxes falan nunha lingua inventada que é inmediatamente descifrada polo público e a música acompaña o ritmo dinámico da acción.

O venres 28 de decembro ás 21:00h o Centro Cultural da Guarda acolle a sesión “Route 66” de Teatro-Clown musical para adultos da Compañía Blues Grampas, unha compañía de teatro en clave de clown musical composta por dous recoñecidos actores de longa traxectoria e experiencia no panorama escénico galego: Juanillo Esteban e Carlos Sante.

O sábado 29 de decembro ás 12:00h o Centro Cultural da Guarda será o escenario dunha visita moi especial para os nenos nesta tempada de Nadal, “O Apalpador”. Neste espectáculo, para público familiar a partires dos 3 anos, creado a partir da tradición popular, un carboeiro que se alimentaba unicamente dos froitos do seu castiñeiro e que as xentes chaman o Apalpador, conta aos miúdos porque no Nadal reparte castañas aos nenos e nenas que non teñen nada nas súas barriguiñas.

A recollida de entradas para ámbalas dúas obras de teatro e para a visita do Apalpador poderá facerse xa dende este luns día 17 de decembro no Centro Cultural da Guarda.