Xa son máis de 400 hectáreas afectadas polo lume do concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu o piloto dun hidroavión portugués e o copiloto resultou ferido, e que afecta unhas 400 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés
Publicado por o día 09/08/2020 na sección de Medio Ambiente,Sucesos

Xa son máis de 400 hectáreas afectadas polo lume do concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais rexistrados con datos recollidos ata as 19,30 h. de hoxe.

Lobios

Segue activo, dende as 8,00 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu unha persoa e outra resultou ferida ao accidentarse un hidroavión do operativo de extinción portugués. O helicóptero Pesca I da Xunta desprazouse ao lugar para asistir aos ocupantes da aeronave. O ferido, que sufriu varios politraumatismos, foi trasladado a un hospital portugués por un helicóptero medicalizado do país veciño.

Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unhas 400 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, despois de que entrara dende Portugal. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. No seu control levan traballado 1 técnico, 10 axentes, 27 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 9 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Muíños

Permanece estabilizado, dende as 00,43 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que se rexistrou a tarde do venres no mesmo lugar onde quedaran extinguidos outros dous lumes a madrugada anterior. Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unhas 50 hectáreas provisionais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción lévanse mobilizado 6 axentes, 22 brigadas, 14 motobombas, 1 pa, 9 avións e 7 helicópteros.

Toén

Controlado ás 19,43 h. desta tarde o incendio do concello ourensán de Toén, parroquia de Moreiras. Iniciouse a tarde do venres e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 250 hectáreas. Para a súa extinción lévanse mobilizado 3 técnicos, 14 axentes, 37 brigadas, 27 motobombas, 3 pas, 12 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Chandrexa de Queixa

Controlado ás 19,53 h. desta tarde o incendio do municipio ourensán de Chandrexa de Queixa, parroquia de Requeixo. Orixinárase onte á tardiña e, segundo as últimas estimacións, rolda as 25 hectáreas. No seu control levan traballado 4 axentes, 11 brigadas, 2 motobombas, 2 avións e 3 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Comentar noticia

Your email address will not be published.