Xabier P. Igrexas: “A decisión sobre onde instalar o novo parque de bombeiros non pode ser nin por capricho, nin improvisada”

O BNG de Vigo demanda que o alcalde explique os motivos polos que decidiu non construír o novo parque en Bouzas, como prometeu durante anos, e opta agora por facelo nunha nave industrial en Esturáns.
Publicado por o día 24/05/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Xabier P. Igrexas: “A decisión sobre onde instalar o novo parque de bombeiros non pode ser nin por capricho, nin improvisada”

O Bloque Nacionalista Galego reaccionou manifestando sorpresa após o anuncio, realizado no día de onte polo alcalde de Vigo, de que o novo parque de bombeiros da cidade vaise instalar nunha nave industrial no camiño de Esturáns.

“Abel Caballero prometeu durante anos que o novo parque de bombeiros ía construírse en Bouzas, díxonos que ese proxecto xa estaba en marcha e practicamente feito, os orzamentos municipais consignaron partidas para ese proxecto durante varios exercicios, e agora vemos como de súpeto, sen ningún tipo de explicación, o alcalde anuncia que non vai ser en Bouzas senón en Esturáns”, criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que demandou que o rexedor explique os motivos dese cambio de criterio.

Igrexas fíxose eco das dúbidas que lle trasladaron representantes dos bombeiros da cidade que advirten de que o lugar escollido non reúne as mellores condicións. “O ámbito onde se di que se quere facer agora, está en medio dunha trama urbana cunha rede viaria complexa, de vías estreitas e mal comunicadas, para poder facilitar a operatividade dun parque de bombeiros”, alerta o portavoz municipal nacionalista.

Aliás, desde o BNG partillan tamén as dúbidas dos propios bombeiros sobre a decisión de optar pola reforma dunha nave industrial que non está deseñada para albergar un parque de bombeiros en lugar de facer unha obra de nova planta, aspecto que podería limitar a operatividade das instalacións.

Estudo 

A fronte nacionalista pide que antes de que se adopte unha decisión definitiva o Goberno municipal elabore un estudo isócrono, que mida os tempos e capacidade de resposta das diferentes localizacións. Neste sentido, Igrexas recalca que “a decisión sobre onde hai que instalar un parque de bombeiros non pode ser nin por capricho, nin improvisada”.

“O que hai que garantir é que o novo parque de bombeiros da cidade non sexa un mal parche, senón que permita mellorar a capacidade operativa e de resposta, reducindo os tempos de intervención para mellorar a seguridade de todas as viguesas e vigueses”, remacha o edil nacionalista.

Comentar noticia

Your email address will not be published.