Xabier P. Igrexas: “É insoportábel que o Concello de Vigo vaia gastar máis en chocolatadas de nadal que en campañas contra a violencia machista”

O BNG demanda un maior compromiso do Goberno municipal na loita contra o machismo e remitiu un escrito ao alcalde con 12 propostas concretas para “pasar das palabras aos feitos”.
Publicado por o día 26/11/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Xabier P. Igrexas: “É insoportábel que o Concello de Vigo vaia gastar máis en chocolatadas de nadal que en campañas contra a violencia machista”

O BNG celebrou a resposta masiva que deron as viguesas e vigueses onte nas rúas na mobilización do 25 de novembro. No entanto, a fronte nacionalista advirte que o “clamor lilá” de onte é un mandato claro para que todas as administracións poñan todos os recursos necesarios para facer do combate das violencias machistas unha verdadeira prioridade na axenda política. “Ese chamado tamén nos apela a nivel municipal. O Concello de Vigo, por ser a administración máis próxima, ten o potencial de se converter nun verdadeiro motor de transformación feminista”, defende o concelleiro do Bloque en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas dirixiu esta mañá un escrito ao alcalde non que lle sinala que é “momento de pasar dos compromisos formais aos reais”. “Hai que pasar de declaracións a feitos. Non abonda con pendurar faixas, con poñermos o lazo lilá ou facer discurso. Ten que haber un compromiso real e efectivo que se substancie en medidas e tamén nun compromiso orzamentario”, reclamou.

Neste sentido, o portavoz nacionalista dixo lamentar que o Goberno municipal “destine máis recursos a organizar chocolatadas itinerantes de nadal, máis de 18 mil euros, que a realizar campañas contra a violencia machista, con apenas 13 mil euros orzamentados para este ano e o que vén dos que só se executou no que vai de 2019 o 5%”. Unha situación que xulga de “insoportábel” polo que ten de demostrativa da “falla de compromiso municipal cunha cuestión de tanta importancia”.

Doce medidas

Emporiso, a fronte nacionalista trasladoulle ao rexedor unha batería con doce medidas que perseguen “duplicar o esforzo” do Concello para combater o machismo en todas as súas expresións e ofrecer o maior apoio ás mulleres. “A loita contra as violencias machistas non pode acabar o 25 de novembro, ten que darse todos os días”, reclaman.

No concreto, demandan a creación de dous novos centros de atención ás mulleres nos barrios de Coia e O Calvario, a posta en marcha dun Programa específico de apoio ás mulleres vítimas de violencia machista -dotado con como mínimo 300 mil euros-, aumentar a partida orzamentaria destinada a campañas contra a violencia de xénero dos actuais 13 mil euros até como mínimo 150 mil euros, incrementar a dotación económica do Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades até os 500 mil euros ou mellorar a coordinación entre os diferentes recursos para ofrecer unha atención completa e integral ás mulleres.

Tamén piden que se reforce a atención dos servizos de benestar social ás mulleres vítimas de violencia machista, ofrecer apoio psicolóxico especializado aos fillos/as de mulleres que viviron situacións de violencia de xénero, a formación dun voluntariado específico para traballar con vítimas de violencia de xénero e o desenvolvemento de accións formativas e de concienciación especialmente entre a mocidade.

Por último chaman a despregar máis esforzos contra a trata de mulleres e a explotación sexual, propoñendo que se prohiba a publicidade de prostíbulos en todo o termo municipal, se fiscalicen as licenzas de actividade dos prostíbulos, se despregue unha cmapaña en contra do consumo de prostitución e que se poñan en marcha medidas específicas de apoio e asistencia ás mulleres prostituídas.

Facer das políticas feministas unha prioridade

Para a responsábel local de Acción Feminista do BNG de Vigo, Sefi Romero, esta batería de medidas “é incompleta, pois habería moito que engadir, pero imprescindíbel e urxente se de verdade se quere facer das políticas feministas unha prioridade política”.

Romero enfatizou que estamos diante dunha situación de “emerxencia feminista” como demostran “as violencias que non cesan e os feminicidios que seguimos a lamentar case cada semana”. Neste sentido, advertiu de que “diante dos discursos de odio e machistas que negan a existencia mesmo da violencia contra as mulleres, como o que propugna a dereita ultraespañolista, hai que pasar á acción e poñer os medios para combater o patriarcado desde a súa raiceira”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.