Xabier P. Igrexas: “En Vigo máis que os 100 días dun novo mandato vivimos nun permanente día da marmota”

O concelleiro, Xabier P. Igrexas, criticou a falla de proxecto de cidade e de xestión do Goberno municipal denunciando que “a única forza que move a cidade é a inercia”.
Publicado por o día 28/09/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Xabier P. Igrexas: “En Vigo máis que os 100 días dun novo mandato vivimos nun permanente día da marmota”

O BNG de Vigo fixo valoración dos primeiros cen días do novo mandato municipal asegurando que na cidade olívica o que se vive é “un permanente día da marmota”. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, denunciou que “a única forza que move a cidade é a inercia”, acusando o Goberno municipal de carecer de proxecto de cidade. “O único que lle ofrece á cidade é a improvisación e promesas tan reiteradas como incumpridas”, sinalou. Para Igrexas a falla de goberno fíxose palpábel por exemplo na falla de mantemento dos parques da cidade que se rexistrou este verán, e subliñou a situación do paseo de Bouzas como un exemplo dese “desleixo”. “En Bouzas levamos máis dun ano cun paseo clausurado e só vimos anuncios e promesas que nunca se compren. Este Goberno é de moitas palabras e inda máis titulares pero de moi poucos feitos”, acrecentou.

No balanzo deste primeiro treito do mandato, o Bloque pon o foco no feito de que non se están a atender os problemas nin as necesidades reais das viguesas e dos vigueses. Como exemplo, apuntan a ausencia de políticas reais para favorecer o acceso social á vivenda, malia ser unha problemática moi grave na cidade. Outro dos ámbitos onde as nacionalistas reprochan a inacción é a mobilidade, denunciando que nada se sabe sobre o novo prego de concesión do servizo de autobús malia ser “unha oportunidade histórica para mellora de maneira radical o servizo, con mellores frecuencias e conexións, para revolucionar a mobilidade e a cidade”. En terceiro lugar, Igrexas lamentou que os barrios e parroquias continúen como estaban: “completamente abandonados”.

Pim-pam-pum entre PSOE e PP

O voceiro nacionalista tamén opinou sobre o papel que está a xogar o Partido Popular na Corporación municipal após a súa debacle electoral o pasado 26 de maio. “PP e PSOE seguen nas mesmas, no eterno pim-pam-pum”, resumiu. A este respeito, Igrexas lamentou que o PSOE continúe instalado nunha “visión autocompracente e de autoaplauso, cada vez máis sectaria e sen recoñecer que Vigo non só son eles e elas, senón que somos as 300 mil persoas que vivimos na cidade”. En relación aos populares, o edil nacionalista, acusounos de teimar en “defender o indefendíbel” actuando non como grupo municipal senón como “adxuntos e adxuntas á Delegada da Xunta en Vigo para defenderen as políticas de recortes e de abandono que o PP de Feixóo aplica contra a principal cidade de Galiza”.

Retorno do BNG

Pérez Igrexas puxo en valor tamén que estes cen primeiros días foron os do “retorno do BNG ao Concello de  Vigo”. “Modestamente podemos dicir que estamos cumprindo coa palabra dada”, sentenciou. “O BNG comprometémonos a que non viñamos a mazar contra uns nin contra outros, senón a mazar nos problemas reais da cidade achegando propostas en positivo, desde unha posición construtiva para facer avanzar Vigo, para construírmos unha cidade para o pobo, centrada nas persoas, e así o estamos facendo”, explica o portavoz municipal quen quixo agradecer o “enorme traballo” do conxunto da organización e “especialmente da nosa militancia e simpatizantes nos barrios e parroquias”, para visibilizar a alternativa en positivo do Bloque.

De cara ao futuro, Igrexas advirte que nin PP nin PSOE van lograr que o BNG participe do “lamazal inútil” no que queren converter a política municipal. “Mentres eles sigan falando de si mesmos, o BNG seguiremos a falar das necesidades das viguesas e dos vigueses, empurrando en colaboración cos movementos sociais un novo impulso para mellorar a cidade”, asegurou. Un proxecto en positivo para a cidade que o Bloque inclúe nun “proxecto de País” para que Vigo “volvamos ser o motor de toda Galiza”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.