Xabier P. Igrexas: “Espinosa fixo máis por tentar explicar a súa ligazón cunha offshore en Panamá que por resolver o conflito dos bombeiros”

O BNG de Vigo esixe que a concelleira de Seguridade convoque “de inmediato” unha mesa de negociación co Comité de Folga, após o segundo revés xudicial recibido polo Goberno municipal por este conflito.
Publicado por o día 03/02/2020 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Xabier P. Igrexas: “Espinosa fixo máis por tentar explicar a súa ligazón cunha offshore en Panamá que por resolver o conflito dos bombeiros”

Ao fío da sentenza xudicial que anula os servizos mínimos abusivos decretados polo Concello de Vigo na folga de bombeiros, iniciada o pasado mes de agosto, o BNG reiterou a esixencia de que se inicie “de inmediato” un proceso de diálogo para resolver a falla de medios humanos que ten ao servizo nunha situación límite.

O concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, subliñou que esta sentenza é o “segundo revés xudicial” recibido polo Goberno municipal de Abel Caballero, após de que xa fose declarado ilegal o chamado decreto de permanencia, que forza a realización de horas extraordinarias, asinado polo daquela concelleiro de Seguridade, Carlos López Font. Para Igrexas revirte especial gravidade que na sentenza se recolla que a única motivación dos servizos mínimos do 100% fora, na práctica, “impedir o exercicio dun dereito fundamental como é a folga”.

Desde o Bloque urxen que se convoque “de inmediato” unha mesa de negociación co Comité de Folga dos bombeiros, na que a través do diálogo se busquen solucións a un conflito que motivou a primeira folga indefinida no corpo na historia da cidade. A este respeito, Igrexas criticou que a única resposta dada polo Goberno municipal até o momento fose “xordeira e autoritarismo” e denunciou o desleixo da concelleira de Seguridade, Elena Espinosa. “Espinosa fixo máis por tentar explicar a súa ligazón cunha sociedade offshore en Panamá que por resolver o conflito dos bombeiros”, afeou o portavoz municipal nacionalista.

Igrexas reclamou ao Goberno local que mova ficha para poñer fin a este conflito. “Que se poñan a traballar e que deixen de xogar coa seguridade de todas as viguesas e vigueses”, reclamou, advertindo da “enorme importancia” do servizo de bombeiros que “non pode continuar sen contar co numero de efectivos suficientes para atender unha cidade do tamaño de Vigo”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.