Xabier P. Igrexas: “Hai que sacar a política urbanística de escuros despachos e apostar nun PXOM participativo e transparente”

O portavoz municipal do BNG critica a negativa do Goberno local a informar sobre o estado dos traballos de elaboración do novo Plan Xeral no Consello da Xerencia de Urbanismo, tal e como solicitou formalmente esta semana.
Publicado por o día 13/10/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Xabier P. Igrexas: “Hai que sacar a política urbanística de escuros despachos e apostar nun PXOM participativo e transparente”

O Goberno municipal de Vigo négase a informar do estado dos traballos de elaboración do novo PXOM no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo. Así o demostra a decisión de non incluír un punto sobre esta cuestión na orde do día da próxima sesión da Xerencia que se celebrará o próximo martes, malia ter sido solicitado formalmente polo concelleiro do BNG Xabier P. Igrexas, tanto nun rogo na última sesión como a través dun escrito dirixido ao alcalde, á concelleira de Urbanismo e ao Xerente de Urbanismo.

A solicitude de Igrexas, após Caride asegurar no último Pleno que se disporá dun borrador do PXOM a finais deste ano, procuraba que se dese conta do estado dos traballos, detallando tamén se se puxo en marcha algún mecanismo de participación para recoller achegas e suxestións do tecido asociativo. Tamén demandaba un cronograma actualizado para coñecer os prazos reais que manexa o equipo redactor.

“Hai que sacar o urbanismo de escuros despachos e apostarmos por un novo PXOM transparente e participativo”, defende o edil nacionalista.

Desde a fronte nacionalista poñen o foco no escurantismo do proceso de redacción, dado que non se ten constancia de que se teña iniciado ningún contacto co tecido asociativo. “As preguntas que nos facemos é que ten que ocultar María José Caride? Con quen está a falar o equipo redactor?”, inquire Igrexas.

O edil do Bloque advertiu da necesidade de “aprendermos colectivamente da anulación do PXOM de 2008”, apuntando que “o Goberno municipal debe entender que o que precisa Vigo é un PXOM para a cidade, non só para o PSOE”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.