Xabier P. Igrexas sobre os orzamentos do Estado para Vigo: “Os asuntos importantes da cidade non poden seguir no caixón”

O Bloque Nacionalista Galego analizará en detalle e de maneira esixente o proxecto de orzamentos xerais do Estado (OXE) para o vindeiro ano 2021, no que ten a ver coas partidas destinadas á cidade de Vigo. A fronte nacionalista pon en valor o logro histórico atinxido coa supresión da peaxe con Redondela e os descontos no conxunto da AP-9, pero lamenta a falla de esforzo investidor en cuestións estratéxicas para a principal cidade galega.

“O BNG de Vigo imos examinar o proxecto orzamentario sobre a premisa, xa expresada de maneira reiterada polo noso deputado no Congreso, Néstor Rego, e mais a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, de que a posición determinante do BNG quere ser garantía de que cumpra coa palabra dada con Galiza e, singularmente con Vigo”, explicou o concelleiro do Bloque na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.

Peaxes da AP-9

Igrexas realizou unha primeira valoración xeral do proxecto de OXE salientando positivamente a supresión da peaxe Vigo-Redondela e o compromiso de reducir substancialmente as peaxes no conxunto da AP-9. “Por primeira vez en décadas as viguesas e vigueses non só non pagaremos máis na autoestrada, senón que pagaremos menos e porase fin ao atraco da peaxe con Redondela”, valorizou ao tempo que remarcou que o obxectivo do Bloque continúa a ser o de lograr unha AP-9 pública, galega e libre de portaxes.

Diante das diferentes declaracións realizadas nas últimas horas nas que diferentes formacións políticas e mesmo a Xunta de Galiza reivindicaron como propio este logro, o edil ironizou co feito de que “o PP celebre o que non foi capaz de conseguir en 11 anos de Goberno de Feixóo e que PSOE e Podemos reclamen agora a ‘paternidade’ sobre a medida cando no proxecto de orzamentos de 2019 non destinaban nin un só euro a rebaixar ou suprimir peaxes”. “O único certo é que cando o BNG é decisivo en Madrid, Galiza conta”, remachou.

Proxectos no caixón

No entanto, a fronte nacionalista lamentou a falla de esforzo investidor para desbloquear definitivamente algunhas cuestións estratéxicas para a cidade. No concreto, Igrexas, exemplificou esta situación no que tena ver co mellora ferroviaria con Portugal e, especialmente, a saída Sur de alta velocidade, pero tamén cos escasos recursos destinados á urxente mellora da estrada Vigo-O Porriño ou á ausencia dunha partida orzamentaria para o soterramento da VG-20 ao seu paso por Navia, longamente reivindicado pola veciñanza.

“Os asuntos importantes da cidade non pode seguir no caixón. Sumando máis estudos, e análises, un ano e outro e outro. É o momento de pasar das palabras do feitos, de converter as boas vontades en partidas suficientes para que estas cuestións se fagan realidade canto antes e deixen de ser proxectos sine die”, esixiu Igrexas. Nesa liña orientarán o traballo na tramitación do OXE para lograr melloras substanciais a favor da cidade.

Noticias de última hora en Vigo

SIGUENOS EN TELEGRAM

Comentarios (0)
Publicar comentario