Xabier P. Igrexas: “Temos que facer dos montes de Vigo unha cuestión de cidade e unha tarefa de todos e todas”

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, mantivo un encontro con representantes das Comunidades de Montes da cidade a quen trasladou os eixos básicos da súa proposta para protexer e poñer en valor o monte.
Por o 12/10/2018 | Sección: BNG,Galicia,Política,Vigo
Xabier P. Igrexas: “Temos que facer dos montes de Vigo unha cuestión de cidade e unha tarefa de todos e todas”

Vigo ten un cinto verde que totaliza 16 millóns de metros cadrados. Elevar a protección e promover a posta en valor dos montes da cidade é un obxectivo fundamental para o Bloque Nacionalista Galego. Así llelo trasladou a representantes das Comunidades de Montes e da súa Mancomunidade, o candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, durante un encontro realizado a última hora da tarde de onte en San Andrés de Comesaña.

Pérez Igrexas, que estivo acompañado polo responsábel local da formación nacionalista, Serafín Otero, e polo ex concelleiro Henrique Vieitez, debullou as liñas básicas sobre as que o Bloque aspira a desenvolver un programa integral para a recuperación do monte e a súa posta en valor tanto nos planos ambiental, económico e social. O candidato defendeu a necesidade de avanzar cara unha visión “integral” do monte, que loite contra a súa fragmentación, estabelecendo programas con actuacións estábeis e duradeiras sobre unha planificación de longo prazo.

Igrexas demandou dotar de máis recursos técnicos e materiais a xestión do monte, e apostou na posta en marcha de iniciativas destinadas a diversificar o aproveitamento dos recursos forestais, promover a biodiversidade, protexer o patrimonio cultural e acrecentar o “uso social” do monte. “A nosa aposta por un Vigo verde pasa pola urxente necesidade de reconciliar a cidade non só coa súa faixa litoral senón tamén co seu pulmón forestal”, explicou. Para o candidato nacionalista “un monte con futuro require poñer en marcha tamén proxectos de investigación e innovación”.

En resumo, a aposta do BNG é “entender o monte como unha cuestión de cidade”. “O monte ten que deixar de ser visto como un ‘problema’ das comunidades de montes, senón como unha tarefa de todos e de todas, das administracións públicas e tamén da cidadanía”, enfatizou Igrexas.

Falla de implicación da Xunta

No encontro foi unánime a denuncia da falla de apoio e implicación da Xunta de Galiza co monte. Nese sentido, Igrexas criticou que ademais de “falta de recursos e dunha pésima xestión o problema real é que a Xunta do Partido Popular non ten vontade política para defender o monte galego, todo o contrario, como demostra a revisión do Plan Forestal que promoven e que insiste nun modelo de monte insostíbel e pirófito”.

Emporiso, o candidato do BNG considera “imprescindíbel” aumentar o apoio do Concello de Vigo ás Comunidades de Montes en Man Común, por ser entidades que prestan un “servizo público de grande importancia xestionando o monte para o poñer ao servizo de todos os viguesas e todas as viguesas”. No concreto, volveu demandar que se eleve a partida orzamentaria dedicada ao Plan Municipal de Emprego até os 3 millóns de euros, tal e como reclamou a formación nacionalista nos últimos anos a través das súas emendas aos orzamentos municipais. “Grazas ao Plan Municipal de Emprego que impulsou o BNG en 2012 as Comunidades de Montes comezaron a recibir apoio económico, pero despois da brutal vaga de lumes do ano pasado que afectou un terzo da superficie forestal da cidade hai que aumentar substancialmente esa axuda e estabilizala para que se poidan poñer en marcha programas e actuacións durante todo o ano e non apenas durante uns meses”, defendeu Igrexas.

O Bloque partilla a reivindicación da Mancomunidade de Montes de Vigo de reforzar o papel das comunidades e tamén recoñecer o seu papel como interlocutor a nivel institucional. “É evidente que unha entidade que representa algo tan importante como o monte ten que estar presente nos organismos consultivos do Concello, a principiar polo Consello Social da Cidade”.

Aumentar a protección contra o lume

A poucos días de se celebrar o fatídico aniversario da vaga de lumes de outubro de 2017, Xabier P. Igrexas urxiu o Concello de Vigo a poñer en marcha medidas que aumenten a protección do monte. Neste sentido, o candidato nacionalista expresou o seu apoio á proposta da Mancomunidade de Montes de crear “liñas de defensa” nos lindes exteriores do monte, especialmente no sur da cidade, e que se complementen co proxecto de anel verde. “Hai que anticipar a defensa do monte fronte ao lume, non só para evitar que poña en risco as vivendas senón para protexer a súa masa forestal”, razoou. Por outra parte, a fronte nacionalista demandou que se colabore coas comunidades de montes para as dotar de máis medios propios que faciliten o combate do lume, como a posíbel instalación de depósitos de auga.

Igrexas lamentou que un ano despois o Goberno municipal non teñan feito “absolutamente nada” para revisar os dispositivos e planos de emerxencia fronte ao lume na cidade. “Hai un ano comprobamos como tivo que ser o compromiso heroico da veciñanza o que nos permitiu frear o lume, por iso é incomprensíbel que non se teña posto en marcha un plan de continxencia específico para os lumes forestais dentro do termo municipal de Vigo”, criticou.

 

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.