Xabier Pérez Igrexas pide pospor a obra de Porta do Sol para bucar alternativas e acordo cos veciños

Publicado por o día 28/08/2019 na sección de BNG,Galicia,Política,Vigo

Xabier Pérez Igrexas pide pospor a obra de Porta do Sol para bucar alternativas e acordo cos veciños

A cidade é moito máis que un territorio, que un espazo. A cidade é, fundamentalmente unha comunidade humana. Emporiso, o deseño urbano debe procurar ser funcional ás persoas, facilitando a súa mobilidade pero tamén creando espazos convivenciais. Sobre esa premisa, a cidade de Vigo impulsou a inicios deste século unha política de reordenamento urbano que procuraba democratizar o espazo público facendo que as persoas gañasen superficie para o seu uso fronte ao vehículo privado.

Expresión desa vontade audaz foron as peonalizacións da praza da Independencia, da praza da Constitución e de Urzaiz no Calvario, ou a retirada de tránsito de vehículos na praza do Berbés, en Teófilo Llorente, rúa Real, a praza Chao e rúas colindantes. Actuacións que supuxeron unha transformación sen precedentes, que se traduciu nunha hoxe innegábel dinamización social e comercial que converteu eses ámbitos en máis e mellor habitábeis. Infelizmente, aquel impulso, liderado por unha alcaldía nacionalista pero empurrado por unha enorme forza social e veciñal, non tivo continuidade por parte dos sucesivos gobernos.

O proxecto de peonalización da Porta do Sol, anunciado polo Goberno municipal, é nese sentido unha iniciativa positiva, na medida en que permite que a cidade reinicie un proceso de transformación urbana que resulte nun Vigo máis habitábel, funcional e sostíbel. Pretensión que é partillada por unha moi ampla maioría de viguesas e vigueses.

No entanto, o proxecto construtivo que se pretende materializar, a través dun túnel no lugar que actualmente ocupa o estacionamento soterrado, non está a contar coa necesaria complicidade social, como visan os protestos veciñais que demandan, con razón, máis información e participación nunha actuación que vai incidir no quilómetro cero da cidade, nun espazo central do entramado urbano. As dúbidas e temores da veciñanza residente na contorna –singularmente na rúa Elduayen– sobre a seguridade das obras para os seus inmóbeis, así como a preocupación a respeito da posíbel afectación desta actuación nun espazo singular e privilexiado como é o Paseo de Afonso XII, non obtiveron até o momento unha resposta nin atención satisfactoria por parte do Goberno municipal que non demostrou disposición real a considerar as súas achegas.

Un proxecto desta magnitude, que debe ser un proxecto de cidade, ten que procurar o máximo consenso social e político. Facermos da Porta do Sol a grande praza peonil da nosa cidade é unha tarefa que nos debe implicar a todos e a todas. Ao conxunto da Corporación municipal, ao tecido asociativo e comercial da zona, e, por suposto, á veciñanza residente na súa contorna.

Un investimento tan importante, de máis de 17 millóns de euros, require ademais que as decisións sexan resultado dun estudo pormenorizado que avalíe todas as alternativas, permitindo que o resultado perdure no tempo como un logro colectivo da cidade.

De acordo ao exposto, proponse ao Pleno a aprobación dos seguintes

ACORDOS

Primeiro.- Instar o Goberno municipal a paralizar provisionalmente a licitación, e a súa subseguinte execución, das obras para a peonalización da Porta do Sol.

Segundo.- Instar o Goberno municipal a avaliar tecnicamente, a través dunha mesa de especialistas ou dun concurso público de ideas, opcións alternativas á do tunel deseñado que permitan a peonalización total da Porta do Sol e a súa eventual extensión a todo o Paseo de Afonso XII.

Terceiro.- Instar o Goberno municipal a abrir canles formais de diálogo e interlocución co tecido asociativo da contorna e coa veciñanza afectada.

Cuarto.- Instar o Goberno municipal a someter a exposición pública, permitindo que a veciñanza e colectivos da cidade poidan alegar, calquera que sexa o proxecto definitivo para a peonalización da Porta do Sol.