Xantar preséntase en Fitur como un dos mellores escaparates para exaltar a riqueza enogastronómica de Galicia

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe en Madrid na presentación da vixésimo primeira edición desta feira que se celebrará do 5 ao 9 de febreiro
Publicado por o día 22/01/2020 na sección de Turismo,Xunta de Galicia

Xantar preséntase en Fitur como un dos mellores escaparates para exaltar a riqueza enogastronómica de Galicia

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, salientou hoxe na Feira Internacional de Turismo Fitur que se está a celebrar en Madrid o destacado papel que está a ter Xantar na promoción da riqueza enogastronómica de Galicia. Neste sentido, puxo de manifesto que é a única feira internacional de turismo gastronómico que se celebra en España e, polo tanto,“un dos nosos mellores escaparates para exaltar os produtos e a cociña galega, así como para promover o turismo e a enogastronomía, dous sectores que teñen moito peso na nosa economía”.

Durante a presentación salientou que, durante os 21 anos de historia deste certame gastronómico, Galicia se ten consolidado como un referente entre os principais destinos enoturísticos e gastronómicos para os turistas que buscan calidade e variedade.

A delegada territorial aproveitou para lembrar que a Xunta está a avanzar na estratexia galega para pór en valor e desenvolver o turismo enogastronómico xunto ao sector primario. “Trátase de “Galicia Sabe”, a nosa folla de ruta dinámica e aberta, que conta coa colaboración de varios departamentos do Goberno autonómico dada a súa gran transversalidade”, afirmou.

Xantar celebra su vixésimo primeira edición en Expourense entre do 5 ao 9 de febreiro e presentará un completo programa de actividades, entre as que destacan os showcookings que impartirán prestixiosos chefs de 5 países (España, Portugal, México, Costa Rica y Chile), e unha ampla oferta en restauración que proxectará unha imaxe de calidade e sustentabilidade do turismo enogastronómico.

Díaz Mouteira indicou que nesta edición Xantar se implicará na promoción internacional da Ribeira Sacra e no apoio a súa candidatura como Patrimonio Mundial da UNESCO en 2021 coa inclusión dun stand propio así como de restaurantes da zona.