O xeo causou algúns problemas no tráfico en puntos do Eume, Deza e A Paradanta

Por o 02/03/2018 | Sección: Sucesos
O xeo causou algúns problemas no tráfico en puntos do Eume, Deza e A Paradanta

 

Durante esta madrugada a formación de placas de xeo complicou a circulación en algúns puntos do Eume, Deza e A Paradanta.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou dous accidentes de tráfico nos que non houbo que lamentar danos persoais, pero que foron ocasionados pola presenza de xeo na calzada.

Así, na Capela, cando estaban a piques de dar as sete desta mañá, unha furgoneta saíuse da vía na estrada que une Pontedeume con As Pontes. Concretamente, trátase da AC-564, que segundo informaron varios condutores ao 112 Galicia, estaba cuberta en diversos puntos por placas de xeo.

Ademais, unha media hora máis tarde, no concello das Pontes tivo lugar outro accidente. Novamente, un coche que sufriu unha saída de vía debido ás condicións da vía.

En ningún dos casos anteriores houbo persoas feridas, pero si na Cañiza, onde preto das dez da noite pasada tres vehículos bateron na A-52, na saída do túnel en dirección a Ourense. Como consecuencia do golpe,  unha muller resultou ferida e tivo que ser evacuada por equipo do 061-Urxencias Sanitarias a un centro médico na cidade de Ourense.

Tamén no CIAE 112 recibíronse chamadas alertando da presenza de xeo noutros puntos da rede viaria de Galicia, como na PO-533, no Alto do Faro, en Lalín; en Rodeiro, entre os quilómetros 1 e 15 da PO-212; ou en Silleda, na PO-534, no Alto do Candán.

A mesma situación prodúcese en diferentes puntos da rede viaria ao paso polos concellos de Ourol, Xermade, Cervantes, Vilariño de Conxo e Allariz.

En todos os casos, desde o CIAE 112 pasouse aviso aos axentes de seguridade, así como aos servizos de limpeza e mantemento correspondentes en cada vía.

Non obstante, o 112 Galicia recorda a importancia de consultar o estado das estradas antes de emprender viaxe.

Ardeu unha nave destinada á cría de polos en Barro

Os servizos de extinción fixeron fronte esta madrugada a un incendio declarado nunha nave destinada á cría de polos no concello pontevedrés de Barro.

Segundo os datos facilitados ao 112, o lume puido orixinarse preto das cinco da mañá nesta instalación situada na parroquia de Porráns.

Ata o lugar desprazáronse os bombeiros de Ribadumia para sufocar as lapas, que acabaron afectando a toda a unha planta superior da nave, así como á súa estrutura. No interior, non había animais no momento de producirse o incendio.

Tras a chamada ao 112 Galicia dun particular, púxose en marcha un operativo no que participaron os bombeiros de Ribadumia, así como persoal do Concello de Barro, Protección Civil e axentes da Garda Civil. Tamén foron informados os bombeiros de Pontevedra.

Igualmente, desde o CIAE alertouse aos técnicos da empresa subministradora do gas por mor de dous depósitos que había no interior da nave e que non resultaron afectados.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.