A xerencia integrada de Ferrol súmase ao Día Mundial do Ril que este ano se centra na enfermidade renal e a obesidade

A Xerencia Integrada de Ferrol súmase ó Día Mundial do Ril, e colabora coa Federación Alcer Galicia
Publicado por o día 09/03/2017 na sección de A Coruña,Ferrol,Galicia,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

A xerencia integrada de Ferrol súmase ao Día Mundial do Ril que este ano se centra na enfermidade renal e a obesidade

​A Xerencia Integrada de Ferrol súmase ó Día Mundial do Ril, e colabora coa Federación Alcer Galicia. Esta asociación sitou unha mesa informativa – na quenda de mañá entre as 10,00 e as 14,00 horas- no corredor do Hospital Arquitecto Marcide do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, e nela estiveron presentes -ás 10,30 para atender ós medios de comunicación- o responsable de Procesos Asistenciais con Ingreso, Javier Ventosa Rial; e o de Nefroloxía do CHUF, Pablo Bouza Piñeiro; xunto co presidente de Alcer Coruña e da Federación Alcer Galicia, Rafael Rodríguez Martínez.

Este ano, o lema é Enfermidade renal e Obesidade. Estilo de vida saudable para uns riles sans. Neste senso, dende a Xerencia Integrada de Ferrol, lémbrase de novo a importancia das medidas preventivas como ferramenta para evitar a insuficiencia renal crónica. O responsable de Nefroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Pablo Bouza Piñeiro, destaca a relación que ten a obesidade sobre as enfermidades renais. A enfermidade renal crónica está relacionada na meirande parte dos casos cos hábitos de vida pouco saudables e factores de risco como a obesidade. A este problema adícase o Día Mundial do Ril deste ano pola súa repercusión nunha parte importante da poboación; e polo risco que supón para a saúde vascular e renal.

A obesidade pode causar enfermidade renal crónica de diversas formas. De xeito indirecto, cando induce ou empeora a diabetes e a hipertensión, ámbalas dúas grandes factores de risco de enfermidade renal. Por outra banda, a obesidade pode causar dano renal directamente ó provocar un aumento da filtración -hiperfiltración glomerular- necesaria para eliminar os produtos tóxicos do sangue, producidos polo metabolismo, e que desencadea procesos de inflación e oxidación. Xunto con iso, a obesidade ten sido recoñecida como factor de risco para padecer cálculos renais, así como varios tipos de cancro, incluído o cancro renal. As persoas afectadas por obesidade teñen un 83% máis de risco de padecer Enfermidade Renal Crónica que as que teñen un peso saudable.

Lembrar que a insuficiencia renal é a alteración da función do ril limitando a capacidade de eliminación dos produtos tóxicos do organismo. Máis da metade das consultas por esta patoloxía teñen a súa orixe en enfermidades evitables como a diabete e a hipertensión. Loitar contra elas con exercicio, alimentación san, ou co simple acto de non fumar evitaría consecuencias nocivas para os riles. A enfermidade ten un carácter progresivo e un desenvolvemento gradual que pasa por distintos estadíos. O importante é previla ou, cando menos, detectala en fases iniciais para evitar o súa progresión.

Vida saudable para uns riles sans

A Sociedade Española de Nefroloxía ofrece unha serie de consellos de estilo de vida saudables que fomenten uns riles sans e eviten a enfermidade renal: cando menos, unha hora de actividade física diaria; inxerir a cantidade axeitada de auga, entre catro e seis vasos de auga ó día; moderación coas bebidas gaseosas e alcohólicas; non fumar; comer verduras dúas veces ó día e froitas tres veces ó día; combinar pan, pastas ou arroces coas froitas e as verduras; consumir aceite de oliva; ou evitar o consumo excesivo de proteínas de orixe animal.

A estas engaden que o leite mellor que sexa semidescremado; consumir carnes vermellas só ocasionalmente, e acompañadas de ensalada; evitar alimentos procesados e vísceras animas; non se pasar co sal; non tomar suplementos dietéticos sen estar indicados por un facultativo; non abusar dos antiinflamatorios nin dos laxantes, nin usar plantas medicinais diuréticas sen consultar cos médicos; e, tamén, ter moito ollo cos medicamentos, tomalos só se son necesarios e sempre, novamente, con indicación médica. Dende a Xerencia ferrolá, os profesionais sanitarios coinciden en incidir nesas cuestións que son manexables por calquera persoa, que inflúen considerablemente na calidade de vida e poden reducir o risco de desenvolver enfermidades renais.

Atención ó ril na Xerencia Integrada de Ferrol

A Atención ás enfermidades do ril recae en Nefroloxía da Xerencia Integrada de Ferrol que ten como misión a atención ós pacientes con patoloxía renal, tanto aguda como crónica, ó longo dos diferentes estadíos evolutivos da enfermidade. Nefroloxía conta, ademais de Hospitalización e Consultas Externas, cunha Unidade de Diálise con capacidade para realizar tódalas diferentes terapias. No caso da hemodiálise, existe para a súa aplicación un sistema de tratamento con capacidade de producir auga ultrapura, totalmente libre de contaminación bacteriana. O pasado ano, incorporábase unha nova máquina portátil para a hemodiálise domiciliaria que favorece a rehabilitación social e laboral do enfermo crónico, e, ademais, simplifica moito o tratamento.

A 31 de decembro de 2016, estaban incluídos no rexistro galego de enfermidades renais un total de 123 pacientes en hemodiálise; tres en hemodiálise domiciliaria; 21 en diálise peritoneal e 123 cun transplante funcionante da área sanitaria ferrolá. Un total de catro facultativos especialistas e dez profesionais de Enfermaría, entre diálise e consulta, ocúpanse do coidado dos pacientes, xunto co persoal de hospitalización, e contando igualmente co apoio dos profesionais dos centros de saúde en tódalas etapas da enfermidade.