A Xerencia de xestión integrada de Santiago prevé vacinar máis de 85.000 cidadáns contra a gripe na campaña que comeza hoxe

Por o 23/10/2017 | Sección: Sanidad
A Xerencia de xestión integrada de Santiago prevé vacinar máis de 85.000 cidadáns contra a gripe na campaña que comeza hoxe
Compartir en:

A campaña de vacinación contra a gripe que pon en marcha a Consellería de Sanidade comeza hoxe, 23 de outubro, desenvolverase ao longo de 10 semanas e rematará o día 29 de decembro. Para levala a cabo, a Xerencia de Xestión Integrada de Santiago pon a disposición dos usuarios 76 puntos de vacinación en Atención Primaria, amais dos hospitais (CHUS e Barbanza). A XXIS ten previsto vacinar a máis de 85.000 cidadáns de toda a área compostelá, dos que preto de 65.000 se prevé que sexan persoas de 65 ou máis anos. Son estimacións que se fan con respecto á cobertura do ano 2016. Como obxectivo específico está acadar unha cobertura vacinal do 65% entre a poboación maior de 65 anos. (O ano pasado a cobertura nesta franxa foi do 56%).

Con respecto á cobertura entre persoal sanitario, a porcentaxe de traballadores da xerencia compostelá vacinados o pasado ano en Atención Primaria foi dun 41,51 % de cobertura en médicos e dun 49,87% da enfermaría. Os datos baixan en atención hospitalaria, aínda que melloraron con respecto ao 2015, pasando do 19,5% ao 33,69% de sanitarios vacinados no 2016 nos hospitais. O obxectivo neste eido é acadar unha cobertura nos traballadores sanitarios do Sergas superior ao 40%.

A poboación diana é aquela de 60 ou máis anos de idade; embarazadas; persoas pertencentes a grupos de risco: aquelas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endrocrinas, persoas con cancro ou outras inmunodeficiencias, persoas con obesidade mórbida, con disfunción cognitiva…Tamén persoas con posibilidade de transmisión a grupos de risco entre os que se atopa o persoal sanitario e traballadores esenciais para a comunidade.

Outro obxectivo da campaña é diminuír o número e a gravidade das complicacións derivadas da gripe. Os interesados en vacinarse deben poñerse en contacto co seu centro de saúde onde lle informarán de como e onde solicitar a cita.
As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.
Ademais da divulgación de información nos medios de comunicación e dos carteis divulgativos da campaña que se distribuirán nos puntos de vacinación, existe unha web da gripe http://gripe.sergas.gal, que funciona como portal de información para a sociedade xeral e para os profesionais sanitarios con información técnica, xestión e de evolución da campaña.