Xesús Franco, Antón Costa e Manuel Bugallo repasaron a figura do Conde Cabanelas, filántropo de Covelo (A Lama), nunha mesa redonda na Casa das Campás

Os ponentes coincidiron en sinalar que foi un xenio irrepetible da súa época cunha visión adiantada ao seu tempo e un amor inconmensurable polo seu Laxedo natal ao que adicou gran parte do seu mecenazgo
Publicado por o día 17/01/2019 na sección de Galicia

Xesús Franco, Antón Costa e Manuel Bugallo repasaron a figura do Conde Cabanelas, filántropo de Covelo (A Lama), nunha mesa redonda na Casa das Campás

A vida e obra do filántropo lamense Manuel Barreiro Cabanelas seduciu a un numeroso público que ateigou por completo o salón de conferencias da Casa das Campás para escoitar a mesa redonda protagonizada polo catedrático da Universidade de Santiago Antón Costa, o biógrafo Xesús Franco e o arquitecto e paisaxista Manuel Anxo Bugallo.

O acto, que contou coa presenza do alcalde da Lama, Jorge Canda, foi presentado polo presidente da Asociación de Veciños de Laxedo (Covelo), Iñaki Touriño, como organizador do evento co que colaborou o Concello da Lama.

Os ponentes, con intervencións do público, foron intercambiando opinións en base á vida e obra do filántropo lamense coa intención de ofrecer a imaxe máis completa posible dun home cuxo periplo vital daría para un magnífico guión de cine.

A mesa redonda, que coordinou o xornalista Antón Xil, seriviu de broche final das actividades divulgativas levadas a cabo pola Asociación de Veciños de Laxedo, en Covelo (A Lama), en colaboración co  Concello da Lama, para promocionar o labor deste insigne benefactor desta parroquia lamense no 152 aniversario do seu nacemento.

Ao rematar o acto, Iñaki Touriño fixo unha reflexión sobre a importancia de manter vivo o espírito e a memoria de Manuel Barreiro Cabanelas e avogou por continuar co seu legado, As Colonias Escolares, que neste momento son obxecto dun contencioso pola decisión de disolver a súa Fundación, iniciativa xudicial que tamén leva adiante pola súa conta o propio Concello da Lama.

Manuel Barreiro Cabanelas, fillo dun canteiro, emigrou con 16 anos a Río de Xaneiro. Conseguiu progresar nos negocios, especialmente coa lotaría, e amasou unha fortuna, con negocios de hostalería, construción e roupa feminina. Sufragou numerosas obras na súa parroquia natal, subministración de agua, a construción de fontes, bebedoiros e vivendas que doou a quen quixo quedar na aldea.

Ademais, creou en 1915 un grupo escolar en Laxedo e en 1942 dooulle ao estado español o edificio da súa propiedade “con la condición sine qua non de ser destinado con carácter permanente para Colonias escolares” a onde acudían periódicamente moitos rapaces da cidade de Pontevedra sen recursos económicos que eran becados dalgún xeito para poder disfrutar destas instalacións, únicas e pioneiras no seu tempo e fóra do alcance das familias humildes de Pontevedra que, doutro xeito e sin o mecenazgo de Barreiro Cabanelas, nunca poderían chegar a ter disfrutado.

Fomentou o ensino e alfabetización da poboación rural galega e o seu centro escolar destacaba na formación complementaria (semellante a unha FP) onde os nenos e nenas asistentes aprendían, ademais das asignaturas habituais e de obrigado coñecemento, contabilidade, canteiría, corte e confección, música de banda, etc.

Financiou dúas salas do Hospital Provincial de Pontevedra e contribuiu á construción dun asilo de anciáns, en Río de Xaneiro (Sociedade Recreio dos Anciaos para Asilo da Velhice Desamparada) así como ao mantemento do Hospicio de las Hermanas de los Ancianos Desamparados.

Un dos seus últimos proxectos foi a primeira ordenación urbanística dun espazo rural en Galicia que se coñece, na súa parroquia natal de Covelo, que non pudo ver concluída e materializada, aínda que deixou o seu deseño por escrito.

Morreu en Río de Xaneiro o 23 de agosto do ano 1950. A raíña María Cristina tramitou para el o título nobiliario de conde aínda que nunca se fixo cargo desta distinción. Pese a elo, todo o mundo o coñecía e o respectaba como o Conde Cabanelas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.