A Unidade de Simulación Obstétrica Avanzada do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) realizou o III Curso de Adestramento en Emerxencias Obstétricas, en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramática viguesa (ESAD).
O curso dividiuse en dúas xornadas nas que participaron facultativos e actores, que participaron en emerxencias ficticias destas características. Coordinou a simulación a xinecóloga do CHUVI Laura González, pertencente á Unidade de Simulación Avanzada.
Nas dúas xornadas do curso, que xa alcanza a súa terceira edición, expuxéronse unha serie de supostos de emerxencias obstétricas: distocia de ombreiros (prodúcese cando os ombreiros do bebé se atoran na nai no momento do parto), prolapso do cordón (o feto comprime o cordón durante o traballo do parto), hemorraxia posparto e estados hipertensivos do embarazo.
Asistiron a este III curso de adestramento especialistas e matronas da maioría dos hospitais galegos. “Obtívose un notable éxito e mesmo houbo que deixar fóra, para unha próxima edición a máis persoal sanitario que expresou o seu desexo de participar”, explica a doutora González.
Intervencións multidisciplinares
As Urxencias Obstétricas representan situacións de manexo complexo. Nesas intervencións participan simultaneamente diversos profesionais: obstetras e xinecólogos, pediatras, anestesiólogos, matronas e enfermeiras, facendo que estes procedementos sexan de relevancia multiprofesional e multidisciplinar.
“Da rapidez no diagnóstico, e da instauración precoz e adecuada do tratamento dependerá o prognóstico materno-fetal. O desenvolvemento inadecuado de roles en situacións complexas cunha contorna tan dinámica, terá graves consecuencias para as pacientes”, suliña Laura González.
É por todo iso que a Join Comission on Acreditation of Healthcare Organitations norteamericana recomendou, do mesmo xeito que todas as sociedades médico cirúrxicas que representan as especialidades citadas, a instauración de estratexias para mellorar a seguridade no coidado das pacientes mediante o adestramento de equipos sanitarios multidisciplinarios.
Os cursos da Unidade de Simulación Avanzada do Hospital Álvaro Cunqueiro en colaboración coa Escola de Arte Dramática realízanse para realizar o adestramento que recomendan as devanditas sociedades científicas. A tal fin subscribiuse o acordo de colaboración entre o CHUVI e a ESAD.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.