No pasado mes de febreiro o departamento de cultura da Deputación de Pontevedra, publicitou as bases de subvencións de normalización lingüística dos diferentes concellos.
Tanto o mantemento dos servizos xa creados, como a posta en marcha de campañas de promoción e uso do galego, formaban parte desta convocatoria.
“Sorprendémonos cando se anunciaron as axudas para os diferentes concellos, e comprobamos como Redondela non aparecía entre os que recibían colaboración económica da Deputación”, afirma Xoán Carlos González. O motivo principal, constituíno o feito de que presentouse fóra de prazo a solicitude, e segundo puideron saber, por segundo ano consecutivo. Destaca que prácticamente todos os concellos que presentaron propostas foron subvencionados, “todas recibiron o cen por cen do solicitado”.
“O noso concello foi un referente en Galiza da normalización lingüística, mais a evidencia é que dende que Javier Bas asumíu a alcaldía, este protagonismo esmoreceu”. Enumera Xoán Carlos González actuacións que conforman un panorama desolador. “Nun feito sen precedentes o propio alcalde escribe en xornais utilizando o idioma español. Incumprindo a ordeanza de normalización lingüística o concello publica catálogos, recibe escritos das concesionarias nese mesmo idioma; renuncia a recuperar a toponimia dos camiños redondeláns, e agora o servizo de normalización lingüística, deixa de ser subvencionado polo departamento de cultura da Deputación”.
Valora esta última o atraso na presentación das solicitudes de subvención “na particular cruzada emprendida polo alcalde de Redondela, contra unha administración que non é controlada polo seu partido, como no caso da Deputación provincial”. Sinala que nesta loita non lle importa inmiscuír servizos municipais, como o caso da área de normalización lingüística.
“Responsabilizamos direitamente a Javier Bas do proceso de desprestixio do idioma, que se está a vivir en Redondela. Na última restructuración de goberno, asumíu as competenzas de normalización lingüística, e á vista están os resultados”, sinala finalmente o edil nacionalista.
Noticias de última hora en Vigo