Xoaquín Fernández Leiceaga: “Parálise lexislativa no goberno galego”

Por o 28/12/2018 | Sección: Política,PSOE
Xoaquín Fernández Leiceaga: “Parálise lexislativa no goberno galego”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, alertou da “parálise” da Xunta que se reflicte na nula produción lexislativa na Cámara autonómica, incumprindo tódalas súas previsións. O responsable socialista ofreceu hoxe un balance político de fin de ano xunto coa viceportavoz do Grupo Socialista, Patricia Vilán, no que sinalaron a falla de xestión do goberno galego, con Feijóo máis preocupado da situación do PP a nivel nacional e de continuar cos axustes contables.

O presidente da Xunta, dixo, pasou “demasiados meses á expectativa” e pendente de Rajoy e do PP de Madrid, o que se traduciu na parálise lexislativa do Parlamento. Se o ano pasado aprobaran 5 leis, en 2018 non presentaron ningún proxecto lexislativo, agás as imprescindibles de Orzamentos e de Acompañamento, e aprobaron a Lei de Saúde, que fora presentada o ano anterior.

O goberno galego, dixo, incumpriu as súas propias previsións normativas, que incluían 11 textos legais para este ano, incluíndo a Lei de Administración Dixital, do Impulso Demográfico, do Patrimonio ou do Patrimonio Natural, entre outras. Fernández Leiceaga debullou hoxe un goberno que aparcou todo proxecto reformista “agás a reforma do goberno galego para permitir o descenso ao local de dous conselleiros”.

Mentres, Feijóo demostrou unha notable “cegueira” á hora de avaliar a situación da sanidade pública, consecuencia de levar 9 anos evitando planificar o futuro do servizo e caendo na “negación absoluta” da realidade. Lamentou que o presidente da Xunta tan só responda que Galicia ten “a mellor sanidade do mundo”, ao que Leiceaga puntualizou que a boa calidade do sistema non agocha as graves disfuncións, sinaladamente pola elevada precariedade.

As eivas do sistema e a incapacidade de xestión do goberno galego levaron onte ás rúas de Vigo a 37.000 persoas, mentres o presidente da Xunta “reclama humildade, verdade e xestión”. O portavoz socialista apuntou que “a humildade obriga a escoitar aos profesionais, á oposición e ás asociacións, a verdade esixe recoñecer equivocacións e rectificar a diagnose, e a xestión só terá éxito se cambian a xestión e a dirección” política da sanidade.

Neste sentido apuntou ao conselleiro de Sanidade como vítima anunciada dun “cambio inevitable” no seu departamento, por canto ten demostrado a súa incapacidade para amosar a “determinación e fortaleza” que require o “cambio necesario de políticas”.

Máis alá da sanidade, explicou, os socialistas galegos centraron a súa actuación neste ano na necesidade de reformar a base produtiva humana e económica, incrementando a calidade do emprego, e na redución das diferenzas sociais.

O goberno galego utilizou sen embargo os seus instrumentos para acrecentar as desigualdades, suprimíndolle o imposto do Patrimonio aos máis ricos, e incumprindo co compromiso de impulsar o diálogo social para introducir cláusulas sociais na contratación de servizos por parte da administración autonómica.

Política socialdemócrata

Fernández Leiceaga aludiu tamén ao cambio de goberno no Estado, coa chegada de Pedro Sánchez, que permitiu evidenciar que “a Galicia interésalle a política socialdemócrata”, coa suba do Salario Mínimo, que afecta a 80.000 galegos e galegas, ou a revalorización das pensións para outros 800.000.

Sinalou tamén ao desbloqueo das fragatas bloqueadas por “unha decisión equivocada do ministro Morenés”, a reactivación do debate da transferencia da AP-9, bloqueado tamén polo goberno de Rajoy, e a situación do AVE a Galicia, que “desapareceu como problema” por canto “agora cumpre os prazos e avanza para chegar no tempo previsto”.

Afeoulle neste sentido a Feijóo que teña caído na “tentación de utilizar ao goberno de España como diana para desviar a atención da falla de xestión propia e poñernos de loncha do bocata entre Sánchez e Feijóo”. O presidente galego pretende agochar así, dixo, un “cambio de actitude real en temas importantes para Galicia”, mentres o PP bloquea a senda de déficit no Senado impedindo que cheguen 160 millóns de euros adicionais de capacidade de gasto”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.