Xoaquín Fernández Leiceaga: “Pediremos que se mude a xestión dos servizos públicos”

Publicado por o día 03/09/2019 na sección de Política,PSOE

Xoaquín Fernández Leiceaga: “Pediremos que se mude a xestión dos servizos públicos”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, explicou hoxe que o Grupo Socialista dedicará o primeiro Pleno do curso político en reivindicar un cambio de orientación na xestión dos servizos públicos. Así o dixo na Xunta de Portavoces que fixou a orde do día da sesión que se celebrará na próxima semana e na que os socialistas preguntaranlle ao presidente da Xunta “que está disposto a cambiar” antes das próximas eleccións autonómicas.

Esta será tamén, explicou, a liña central da sesión de control ao presidente, a primeira que protagonizará o secretario xeral do PSdeG e agora tamén presidente do Grupo Parlamentario, Gonzalo Caballero, quen requirirá “o plan de acción para o que queda de Lexislatura”. Os socialistas galegos ven nas últimas eleccións xerais e locais unha “desautorización das políticas do PP na Xunta de Galicia” e evidencian a necesidade dun xiro na súa orientación.

Por este motivo as iniciativas parlamentarias do Grupo Socialista basearanse fundamentalmente nos servizos públicos, nomeadamente na mellora da atención primaria, e especialmente na educación pública. Defenderán así unha proposición non de Lei para a mellora da oferta de estudos de mestrado no sistema universitario, cunha mellora da oferta de cursos de posgrao de excelencia e axudas complementarias para garantir a igualdade de acceso aos mesmos.

Tamén presentarán unha interpelación na que reclamarán a mellora do sistema educativo galego no seu tramo obrigatorio con medidas como a gratuidade dos libros de texto, a definición da rede de centros ou a promoción da igualdade de xénero entre os e as estudantes galegos.

Financiamento

Leiceaga acusou hoxe ao goberno galego de terlles agochado aos grupos parlamentarios o informe xurídico sobre o que supostamente sustenta a súa reivindicación de máis financiamento ao goberno central. O portavoz socialista lembrou en calquera caso que a liña de ataque que está a despregar o goberno galego contrasta co silencio de Feijóo cando era o ex ministro do PP, Montoro, quen se negaba a facer as transferencias por ter orzamentos prorrogados.

Sinalou que “non é legalmente posible unha solución a este problema que eles mesmos crearon” ao rexeitar os últimos orzamentos presentados polo goberno socialista, e que tería fácil solución coa constitución dun novo goberno antes de que remate o mes de setembro. Advertiu finalmente que o propio PP nacional está a buscar unha liña alternativa diferente da que está reclamando a Xunta, o que evidencia que “eles mesmos saben que é inviable”.