Xoguetes para un Nadal máis xusto e solidario

Coa instalación de nove puntos de recollida nos campus de Vigo e Pontevedra ata o día 15 de decembro
Por o 05/12/2017 | Sección: Social,Universidade de Vigo
Xoguetes para un Nadal máis xusto e solidario

Todos os nenos e nenas teñen dereito a xogar, independentemente da súa situación económica ou social da súa contorna familiar. Así o entende a iniciativa solidaria Cada neno, un xoguete, que organiza a Asociación Stop e Iniciativa Local cada Nadal, co obxectivo de recoller xogos e bonecos para distribuílos, despois, entre os cativos e cativas que se atopen nunha situación de precariedade, de modo que ninguén quede sen agasallo nestas datas. A Universidade de Vigo, por cuarto ano consecutivo, alíase con esta campaña poñendo a disposición da comunidade universitaria diferentes espazos de recollida nos campus de Pontevedra e Vigo. Grazas a estas disposicións na Universidade, no 2016 reuniuse máis de 300 xoguetes.

En relación aos obxectos que se doen, o director da campaña, Carlos Leiro, explica que “na medida do posible, deberán ser didácticos, non sexistas e, por suposto, non conter ningunha característica bélica”; ademais, é importante que non sexan eléctricos, evitando, deste xeito, ter que mercar pilas para o seu funcionamento. Poden ser xoguetes novos ou usados, sempre que estean en bo estado e, igualmente, se precisa material informático e escolar para nenos e nenas de entre 10 e 15 anos. En calquera caso, deberanse entregar sen empaquetar para facilitar o traballo dos voluntarios desta iniciativa, que deberán ordealos e clasificalos antes de envialos aos destinatarios.

Ata o día 15 poderanse depositar xoguetes en nove puntos diferentes da Universidade de Vigo: na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte no campus de Pontevedra; na EU de Estudos Empresariais en Torrecedeira e no campus de Vigo, na cafetaría Lamarita de Cidade Universitaria, a Residencia Universitaria, a Biblioteca Central, o edificio de Ciencias Experimentais, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, a Escola de Enxeñaría de Minas e da Enerxía e o edificio de Xerencia-Servizos Centrais.

Xuntos, máis fortes

Ademais de contar coa Universidade de Vigo para alcanzar a meta de recibir tantos agasallos como nenos e nenas o precisen, esta campaña converte a cidade olívica nun punto de recollida solidaria espallado por distintos bares, establecementos de beleza, tendas, centros educativos, colectivos culturais e empresas de diferentes sectores. “No 2016 conseguimos, entre todos, reunir máis de 10.000 xoguetes para repartir entre as asociacións que atenden a familias necesitadas e entre as persoas que se atopaban nunha situación de desemprego e que tiñan nenos e nenas na súa casa”, indica Leiro. A organización espera que estas cifras se repitan e “aínda que desta vez o local no que almacenamos e clasificamos os agasallos sexa máis pequeno porque as axudas da Xunta de Galicia non chegaron” esperan recoller un número importante de doazóns.

Unha vez organizados, limpos, probados e seleccionados, os xoguetes serán enviados a diferentes ONG e institucións como, por exemplo, a Plataforma de Afectados pola Hipoteca, Ponte para Vida, Hospital Provincial de Pontevedra ou a Casa da Xuventude de Vigo, que serán os encargados de facelos chegar aos seus destinos. Con todo, tamén poderán ser recollidos no propio local por aquelas familias que o precisen, o mesmo procedemento do ano pasado, no que, segundo Leiro, ademais de abastecer a estas organizacións, “atendemos a máis de 2600 persoas que o necesitaban”.

Cada neno, un xoguete conta con numerosos persoeiros que se involucran nesta causa solidaria, unindo os seus esforzos ao traballo dos voluntarios para conseguir o obxectivo da campaña. Esta lista de padriños está composta por ducias de representantes do mundo da cultura, a arte ou o deporte que, cada ano, se implican na promoción desta proposta, o último en unirse neste 2017 foi o futbolista do Real Club Celta, Iago Aspas.

A solidariedade non entende de fronteiras

Ademais de repartir obxectos lúdicos na contorna máis próxima, Cada neno, un xoguete esténdese máis aló das fronteiras nacionais, colaborando con ONG que traballan en zonas de conflito. “O ano pasado enviamos, en colaboración coa Asociación de Axuda ao Pobo Sirio, máis de 300 bolsas cheas de xoguetes para as familias que se atopaban nos campos de refuxiados a causa da guerra”, afirma Leiro, que agarda repetir esta acción neste ano para que, deste xeito, os cativos e cativas non perdan, en ningún caso, o seu dereito a rir e xogar con independencia da súa localización xeográfica.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.