Xornada Informativa “O labor dos Terapeutas na Sanidade Pública”, Vigo e Porriño.

Cerca de medio milleiro de persoas achegáronse esta mañá a dous puntos da cidade de Vigo (O Calvario e Praza América) e ao entorno do Concello de Porriño, para seren informados do noso labor dentro da Sanidade Pública.
Por o 17/09/2016 | Sección: Sanidad,Vigo
Xornada Informativa “O labor dos Terapeutas na Sanidade  Pública”, Vigo e Porriño.

Ó longo da mañá, deuse información sobre que facemos, onde atoparnos, como acceder a estes profesionais (fisioterapeutas, logopedas e terapeutas ocupacionais) e como reivindicar os seus dereitos como doentes.

No caso dos fisioterapeutas, detectamos un maior coñecemento sobre as funcións que desempeñan dentro da Sanidade Pública. Sen embargo, observamos descoñecemento por parte da grande maioría, sobre como acceder as nosas terapias.

Respecto ao labor dos logopedas e terapeutas ocupacionais, deuse a coñecer tanto as súas funcións como o xeito de acceder a estes recursos, cuestión descoñecida por case todos os cidadáns que nos consultaron.

No caso da mesa informativa no Porriño deuse a coñecer a situación deste concello e do concello de Mos facéndose fincapé na situación desas áreas: son os dous únicos concellos da área sur de Pontevedra que non contan con fisioterapeuta público asignado ós seus respectivos centros de saúde. Como consecuencia disto, cando os doentes precisan realizar un tratamento de fisioterapia, deben acudir ou ó Hospital Meixoeiro ou ós centros concertados co SERGAS situados na cidade de Vigo, correndo cos gastos económicos e as molestias que isto provoca.

Unha das nosas reclamacións vai nesta liña, solicitando á Administración que corrixa este agravio comparativo con outros Concellos da Área e a poboación poida ser atendida dun xeito máis eficiente e ocasionándolle os menores inconvenientes.

Non houbo incidentes durante a xornada.

Os obxectivos de facer chegar á cidadanía a nosa problemática, as nosas funcións, o modo de acceso a estes profesionais dentro da Sanidade Pública cumpríronse.