Xornada Mundial polo Traballo Decente

Ás 11.00 Horas diante do INSS rúa Grove número 4
Publicado por o día 07/10/2016 na sección de CC.OO,Sindicatos,UGT,Vigo

Xornada Mundial polo Traballo Decente

A Xornada Mundial polo Traballo Decente véna promovendo a CSI cada 7 de outubro desde o ano 2008, como día de mobilización mundial en que todos os sindicatos do mundo se manifestan esixindo o traballo decente. A demanda de traballo decente foi en aumento ano tras ano de resultas do declive que sufriu o mundo do traballo, no que a nova economía global, lonxe de xerar progreso e benestar para as persoas, incrementou a pobreza e a desigualdade a escala mundial.

Se os gobernos non poñen límites e condicións á actuación das empresas e estas perseguen como único obxectivo obteren o máximo beneficio ao menor custo, o modelo económico e comercial —baseado en cadeas de subministracións, grandes multinacionais, deslocalización de empresas, subcontratación e franquías— acrecentará a explotación, a desigualdade e a pobreza en todo o mundo.

CCOO e UGT con motivo da Xornada Mundial polo Traballo decente, esiximos:

— Garantir por lei que as empresas que subcontraten —mediante calquera fórmula sexan responsables subsidiarias dos salarios e da protección social dos traballadores e traballadoras das empresas subcontratadas, con independencia de onde se atopen.
— Esixirlles ás empresas que utilizan cadeas de subministración que todos os seus provedores, tanto no noso territorio como no estranxeiro, manteñan condicións de emprego decentes, respecten os convenios colectivos e os dereitos fundamentais, incluídos os dereitos sindicais.

— Establecer por lei, como requisito na contratación pública, que as empresas con que se contraten bens ou servizos respecten os convenios colectivos aplicables e condicións de traballo decente, unha esixencia que estendemos ás franquías e filiais das grandes empresas, tanto no noso país como no estranxeiro.

— Derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012, e recuperar os dereitos arrebatados aos traballadores e traballadoras.

— Combater a desigualdade e a pobreza mediante unha prestación de ingresos mínimos que garanta os recursos básicos ás persoas que carecen de emprego.

— Establecer subas salariais que contribúan ao crecemento económico e do emprego. No marco da negociación colectiva, profundar no desenvolvemento de cláusulas que axuden a impulsar o emprego e, sobre todo, a mellorar a súa calidade.

— Fixar un SMI de 800 euros o primeiro ano e subas progresivas durante a lexislatura, ata acadar o 60 % do salario medio do noso país.

— Derrogar a Lei 4/2015 de protección da seguridade cidadá (lei mordaza) e o artigo 315.3 do Código penal, que criminaliza facultades esenciais para exercer o dereito de folga.

— Instamos o Goberno a modificar o Estatuto dos Traballadores para cumprir a Directiva 1999/70/CE e as sentenzas ditadas polo Tribunal Superior de Xustiza da UE o pasado día 14 de setembro, que sinalan a discriminación e o abuso na contratación temporal no noso país.

A urxencia de situar a igualdade de xénero no centro da axenda política: combater as barreiras no acceso ao emprego, a precariedade laboral, a brecha salarial; combater a violencia contra as mulleres en calquera ámbito, incluído o laboral; dotar de recursos a Lei de dependencia; pór en marcha o permiso de paternidade, tal como esixe a Lei de igualdade.

UGT e CCOO fomos determinantes no avance en igualdade de xénero nas últimas décadas e seguirémolo sendo no que nos corresponda. A sociedade española demandou o dereito á igualdade efectiva entre mulleres e homes, expresouse así no mandato constitucional e requíreo como indicador de calidade democrática, xustiza e cohesión social. Ás 11.00 Horas diante do INSS rúa Grove número 4.

Cartaz da mobilización

ilcanallarubens_2273759-cartel_da_xmtd_2016_version3
Ás 11.00 Horas diante do INSS rúa Grove número 4