Xornada sobre programas da UE para o desenvolvemento das zonas de alta montaña, este sábado na Pobra do Brollón

Lídia Senra organiza o 6 de maio, na Casa da Cultura da Pobra do Brollón, distintas mesas informativas e tamén con perspectiva crítica sobre os PDR e os GDR
Publicado por o día 03/05/2017 na sección de AGE,Eventos,Galicia,Política,Vigo

Xornada sobre programas da UE para o desenvolvemento das zonas de alta montaña, este sábado na Pobra do Brollón

A eurodeputada galega Lídia Senra, integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), organiza este próximo sábado, 6 de maio, no Salón de Actos da Casa da Cultura “Olga Novo” da Pobra do Brollón (Lugo), unha xornada sobre Programas da UE para o desenvolvemento das zonas de alta montaña. O evento, que está aberto a todos os públicos sen necesidade de inscrición previa, prolongarase durante todo o día co desenvolvemento de varias mesas informativas e de debate.

A xornada comezará ás 10:30 horas e será Ana Rodríguez Vázquez, ex xerente de Programas de Desenvolvemento Rural e ex responsable de Desenvolvemento Rural do Sindicato Labrego Galego (SLG), a encargada de dar unha conferencia sobre os Programas de Desenvolvemento Rural (PDR) a nivel europeo e os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) na Galiza. Rodríguez Vázquez explicará en que consisten estes proxectos e grupos e o que poden aportar ás zonas de alta montaña galega. Víctor Álvarez Arias, membro de LugoNovo, introducirá esta mesa e encargarase da moderación.

Xa ás 12:30 horas, a propia Lídia Senra ofrecerá unha conferencia sobre a “Resolución do Parlamento Europeo sobre as áreas de montaña”. “A montaña, ademais de todo o que aporta á sociedade en termos de biodiversidade, paisaxe e auga, podería ser tamén unha fonte de e emprego sustentable e de calidade, pero para iso é imprescindible articular políticas públicas específicas para o desenvolvemento das mesmas”, defende Lídia Senra. A eurodeputada argumenta que “é imprescindible manter as explotacións agrarias e hai que promover a instalación de novas explotacións, como base dun desenvolvemento sustentable da montaña”. Tamén chama a “blindar os servizos públicos nestas áreas” como necesidade prioritaria.

Tras a parada para xantar, a xornada continuará pola tarde, ás 16:30 horas, cunha mesa redonda de experiencias e proxectos que se están a levar a cabo en diferentes lugares de alta montaña galega. Nela intervirán Roi Estévez, membro da Asociación veciñal e cultural de Vieiros (Quiroga) e presidente de Souto Vivo; Verónica Núñez e Daniel Arza, responsables de CaurelorMiguel Ángel Figueiredo, responsable de Aceites Figueiredo; e Martín Alemparte, director xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel, que explicará o proxecto da candidatura Montañas do Courel a Xeoparque Mundial da UNESCO. 

Cartaz e Programa