Xornada de recollida de alimentos para os gatos abandoados de Mos

Será ao longo do día de mañá no supermercado Gadis de Sanguiñeda
Publicado por o día 03/11/2017 na sección de Galicia,Mos

Xornada de recollida de alimentos para os gatos abandoados de Mos

A campaña municipal de concienciación sobre as colonias de gatos abandoados continúa co seu labor de recollida de alimentos cunha xornada de doazón no supermercado Gadis de Mos, sito nas Angustias-Sanguiñeda. A recollida realizarase mañá sábado 4 de outubro dende ás 10.30 horas da mañá e ininterrumpidamente ata o peche do devandito supermercado, onde os interesados en doar alimento para gatos poderán depositar a súa contribución.

Ademais de colaborar con aportacións de alimento, quen así o desexe poderá apoiar esta campaña doutros xeitos tales coma: facéndose fogar de acollida, adoptando un gatiño e/ou colaborando como voluntarios/as.

No punto de recollida de alimentos establecido para mañá no Gadis tamén se pode depositar para a súa doazón calquera outro produto para o coidado dos felinos (tales coma pipetas, etc.).

Esta campaña conta coa inestimable colaboración e participación das protectoras Lena, Refugio de Noé e Colonias Canguesas, e outros particulares voluntarios; sen os cales non tería sido posible poñer en marcha esta campaña de control de colonias de gatos sen dono na rúa baixo o lema ‘Ti decides, esteriliza’.

Os obxectivos desta campaña son a recollida de alimentos e produtos de coidado, a esterilización, adopción e acollida temporal dos gatos das colonias existentes en Mos.

A iniciativa inclúe tamén unha parte de sensibilización mediante o reparto de dípticos informativos. A campaña de esterilización está a ser realizada por parte do Concello.

Esta campaña consiste fundamentalmente en tratar de concienciar á cidadanía sobre as colonias de gatos abandoados e da necesidade de esterilizalos e alimentalos para que vivan nunhas condicións óptimas e salubres e para ter as colonias controladas, sen que aumente o número de membros nin se formen outras novas.