Xosé Leal presenta a unidade didáctica sobre Castelao no FESTIGAL 2016

O deputado de Cultura e Lingua de Pontevedra explicou en Compostela o traballo e actividades no marco do Ano Castelo
Publicado por o día 26/07/2016 na sección de Cultura,Deputación de Pontevedra,Vigo

Xosé Leal presenta a unidade didáctica sobre Castelao no FESTIGAL 2016

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentou en Compostela este luns 25, Día da Patria, a unidade didáctica sobre Castelao editada pola Deputación de Pontevedra dentro da XV edición do Festigal, un espazo ao aire libre no que se reunirán diferentes actividades de animación, ideas, ocio, literatura e sobre todo, música, diversidade e reivindicación.

Segundo manifestou o deputado pontevedrés, “o marco do Festigal, que ten como clave a cultura, e unha data como o Día da Patria, supoñen un espazo e unha data moi acertadas para dar a coñecer en Compostela un proxecto como o do Ano Castelao que está a desenvolver diferentes exposicións, mostras teatrais e outras actividades por toda a xeografía da provincia de Pontevedra”. En concreto, sobre a unidade didáctica, Leal lembrou que quere levar ás aulas unha reflexión sobre a vida diaria de comezos do século XX na que se desenvolveu o autor de Rianxo. Sinalou que os cativos e cativas que traballen con ela gozarán das estampas sobre nenos e nenas recollidas no seu momento no álbum Nós, no xornal Galicia, no xornal Faro de Vigo e na revista Nós editada en Ourense.

O responsable de Cultura e Lingua de Pontevedra, que estivo acompañado na presentación pola tamén deputada Eva Vilaverde, subliñou que a intención da Deputación de Pontevedra é que a unidade didáctica sobre Castelao permita achegar parte da súa obra ao alumnado de centros educativos, vinculándoa coa celebración do Ano Castelao e coa conmemoración do centenario da chegada do autor a Pontevedra.

A unidade, segundo dixo, permitirá un uso pedagóxico que poderá encaixar en moi diferentes áreas docentes, tanto en Literatura galega coma en Ética ou Ciencias Sociais para alumnos e alumnas de entre 4º da ESO e 2º de Bacharelato.

A unidade didáctica está estruturada en 6 capítulos. O primeiro deles versa sobre ‘A vida no fogar’ e aborda temas coma a familia, a alimentación e o vestiario. O segundo está protagonizado por ‘A vida na escola’ e versa sobre a lingua galega, a pedagoxía e o absentismo escolar. No terceiro, sobre "O tempo de traballar", estúdanse os traballos do fogar e os de fóra do fogar. O cuarto é ‘A Galiza de Afonsiño e inclúe información sobre os foros, o agro, a pesca, as conserveiras e a emigración. O quinto aborda ‘A evolución e as transformacións políticas’. O sexto capítulo toma o Museo de Pontevedra como tema principal, atendendo ao papel de Castelao como fundador desta institución museística e á circunstancia de que é o museo que posúe e ten en depósito o maior número de obras deste autor.

Nunha primeira fase a Deputación editou esta unidade didáctica en formato papel e, no futuro, non descarta estudar a edición en e-book. Os primeiros exemplares en papel presentáronse en decembro no transcurso do Culturgal.

Ano Castelao

A deputada Eva Vilaverde explicou máis polo miúdo en que está a consistir o Ano Castelao impulsado pola Deputación de Pontevedra. Sinalou que o Ano Castelao 2016 conmemora tres efemérides relacionadas co polifacético autor, artista e intelectual: o centenario da súa chegada á cidade de Pontevedra, o 75 aniversario da estrea de Os vellos non deben de namorarse, e o Día das Artes Galegas, que este ano se dedicou a este autor.

Entre a programación a desenvolver, segundo dixo, os 62 concellos da provincia de Pontevedra contan con moi diferentes actuacións dentro da programación cultural do Ano Castelao, todas relacionadas co amplo abano de disciplinas artísticas que o propio artista foi desenvolvendo ao longo da súa vida, como son o teatro, a música, a banda deseñada ou a preservación do patrimonio.

O Museo de Pontevedra, en cuxa fundación participou o propio Castelao está a ser o centro neurálxico das actividades con dúas grandes exposicións conmemorativas: ‘Castelao artista. Os fundamentos do seu estilo. 1905-1920’, que xa se celebrou, e ‘Meu Pontevedra’, aberta ata o 4 de setembro.