Xoves 6: Acto de entrega e concentración polo mal funcionamento dos servizos sociais municipais

Publicado por o día 05/02/2014 na sección de Vigo

Xoves 6: Acto de entrega e concentración polo mal funcionamento dos servizos sociais municipais

  A ODS-Coia, Parroquia do Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social volven e volverán ao concello – e a onde sexa necesario – para defender os nosos dereitos diante do concello de Vigo, que a través da Concellería que dirixe Isaura Abelairas, négase a recoñecer aqueles máis básicos.

  A razón é a indefensión á que nos enfrontamos con frecuencia as persoas que nos achegamos aos servizos sociais municipais para solicitar Axudas de Emerxencia Municipais (AEM ), que son aquelas destinadas a sufragar necesidades sociais tan elementais como: vivenda, alimentación, vestimenta…

 Cansas de que non escoiten, deciden facer unha entrega colectiva e pública dun escrito dirixido a: Valedor do Cidadán, Valedor do Pobo e Defensor del Pueblo no que lles solicitan que poñan fin ao funcionamento arbitrario e inxusto dos servizos sociais do Concello de Vigo no tocante ás Axudas de Emerxencia Municipais.

Por estas razóns a ODS-Coia, a Parroquia do Cristo da Victoria e o Grupo de Axitación Social convocan unha CONCENTRACIÓN o XOVES 6 de febreiro ás 11h30 no CONCELLO (Praza do Rei), para logo entrar xuntas no rexistro e facer ENTREGA do ESCRITO de DENUNCIA.

PRENSA ODS COIA