O xoves comeza a folga do metal da provincia da Coruña

Manifestacións ás 12h na Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela
Publicado por o día 21/06/2017 na sección de A Coruña,CC.OO,Ferrol,Galicia,Protestas,Santiago,Sindicatos

O xoves comeza a folga do metal da provincia da Coruña

O xoves, día 22 de xuño, será a primeira xornada de folga do sector do metal da provincia da Coruña. CCOO, UGT e CIG chaman as traballadoras e traballadores a daren un apoio «masivo» á convocatoria para que a patronal desbloquee a negociación do convenio colectivo, estancada desde hai meses. A folga terá continuidade os días 27 de xuño e 4 e 5 de xullo.

A convocatoria prodúcese como consecuencia do bloqueo das negociacións e o fracaso da mediación do AGA proposta pola patronal. O secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, lembra que as condicións de traballo de 18 000 persoas dependen deste convenio, cos soldos «conxelados» desde hai tres anos.

Desde CCOO, UGT e CIG critican que a patronal se negue a incluír aspectos como a subrogación do persoal, a articulación de mecanismos de fiscalización do labor das mutuas no tocante ao control da seguridade laboral dos traballadores, así como acordos sectoriais no convenio como o das auxiliares de Navantia.

As organizacións sindicais tamén esixen unha cláusula de revisión salarial que garanta o poder adquisitivo por riba do IPC, a activación dos pluses de antigüidade e xefatura de equipo, un maior control sobre as ETT e chegar a unha porcentaxe mínima de contratos indefinidos do 60 %.

Segundo os sindicatos, parte da patronal estaría disposta a incluír os devanditos acordos, pois entenden que incluso serían positivos xa que eliminarían a crecente competencia desleal nas licitacións. Porén, a representación das empresas na mesa de negociación «parece estar secuestrada pola parte menos razoable ou por intereses alleos ao sector», censura CCOO.

Horas e lugares das manifestacións

— A Coruña: concentración ás 12 h na praza de Luís Seoane (fronte á Confederación de Empresarios da Coruña)
— Ferrol: manifestación ás 12 h desde a praza de España
— Santiago de Compostela: manifestación ás 12 h desde a explanada da Asociación de Empresarios do Tambre, no polígono do Tambre