Xubilados/as e pensionistas da CIG mantiveron xuntanzas cos grupos parlamentarios

Demandan, nos orzamentos para 2020, recursos para a atención á dependencia
Publicado por o día 04/11/2019 na sección de CIG,Sindicatos

Xubilados/as e pensionistas da CIG mantiveron xuntanzas cos grupos parlamentarios

Unha representación do colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG e da executiva confederal reuniuse, a semana pasada, cos grupos parlamentarios do BNG e Común de Esquerda para trasladarlles a demanda de que nos orzamentos de 2019 se contemplen recursos suficientes para atención á dependencia. Demanda que os grupos se comprometeron a trasladar ao debate parlamentario e na propia comparecencia da conselleira.

As xuntanzas celebráronse logo de que o colectivo presentara no rexistro da Xunta as sinaturas recollidas no decurso da campaña desenvolvida ao longo deste ano e dirixira unha copia das mesmas aos distintos grupos parlamentarios.

O colectivo vén denunciando a escaseza de recursos públicos para a atención á dependencia e os atrasos nas valoracións, xa que preto de 1.000 persoas que as solicitaron agardan até ano e medio antes de ser atendidas. Isto xunto coas demoras na concesión das prestacións, xa que arredor de 8.000 persoas dependentes que as solicitaron e que xa foron valoradas aínda non as teñen concedidas.

O 75% das prazas de residencia son privadas

O colectivo denuncia tamén que os recursos para a atención a persoas dependentes son moi escasos xa que só o 25% das prazas nas residencias da terceira idade son públicas e en total, incluíndo as prazas privadas, estas non chegan a 3 por cada 100 persoas de máis de 65 anos, cando a OMS recomenda unha ratio de 5 prazas por cada 100 persoas.

No mesmo sentido denuncian a enorme escaseza de centros de día xa que só os hai públicos en 86 concellos, con 3.222 prazas, que son claramente insuficientes e que, sumadas ás privadas só chegan a un total de 8.000 prazas que non cobren, para nada, as necesidades das case 120.000 persoas en situación de dependencia.

Partidas orzamentarias abondo para garantir unha atención axeitada

Diante desta situación, o colectivo de xubilados/as e pensionistas da CIG demanda unhas partidas orzamentarias que permitan abordar as necesidades das galegas e galegos en situación de dependencia. Lembra que un 25% da poboación en Galiza ten máis de 65 anos e que o propio Presidente da Xunta calculou que esta chegaría a ser do 33% nos vindeiros anos, o que de non se remediar poñendo ao dispor da poboación os medios necesarios, fará que a situación da atención á dependencia sexa aínda peor.

Canda isto, o colectivo exixe tamén unha mellora do servizo de axuda no fogar e das condicións de traballo, integrando ao persoal no Consorcio Galego de Benestar.  Subliña que son a maioría mulleres as que prestan atención ás persoas dependentes nunhas condicións terribles e unha vez máis condenando ás mulleres a facer os coidados en situacións calamitosas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.