A Xunta abre o prazo de solicitude para acceder ás axudas do Plan Renove de instalacións eléctricas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria informa de que a través destas axudas, que se convocan por primeira vez, está previsto mobilizar 3,2 millóns de euros na reforma de inmobles de máis de 25 anos.
Publicado por o día 02/05/2017 na sección de Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta abre o prazo de solicitude para acceder ás axudas do Plan Renove de instalacións eléctricas

A Xunta continúa co seu compromiso de impulsar a eficiencia enerxética e a calidade de vida das familias galegas. No marco da terceira edición do Plan de Vivenda, a Consellería de Economía, Emprego e Industria activa unha nova convocatoria de axudas para a renovación de instalacións eléctricas comúns dirixida a comunidades de propietarios e a titulares de inmobles de uso residencial. A través desta convocatoria, a previsión é chegar a 400 edificios e mobilizar ao redor de 3,2 millóns de euros no sector, ao tempo que se mellora a seguridade e a eficiencia enerxética nos fogares galegos.

Esta convocatoria, que se activa por primeira vez, ten un orzamento de 800.000 euros, e o prazo para presentar as solicitudes para esta orde de axudas para particulares comezará mañá, 2 de maio, e rematará o 1 de setembro de 2017, agás que se produza o suposto de esgotamento de crédito, xa que a convocatoria será por concorrencia non competitiva, polo que as axudas se outorgarán por orde de presentación a todo solicitante que cumpra os requisitos.

A axuda poderá alcanzar os 150 euros por punto de subministración cun máximo de 3.000 euros por edificio ou o 25% do custo total da instalación. A axuda está dirixida a inmobles de uso residencial de máis de 25 anos e con dúas ou máis vivendas, incluída a reforma das instalacións de enlace (dende a caixa xeral de protección ata os cadros xerais das instalacións receptoras dos usuarios), a toma de terra, o cadro de servizos comúns e as instalacións correspondentes aos servizos xerais do edificio. Tamén inclúe a substitución de pulsadores e interruptores convencionais por detectores de presenza.

O Plan Renove de Instalacións Eléctricas enmárcase dentro do Plan de Vivenda 2017, que está a desenvolver a Consellería de Economía, Emprego e Industria para favorecer o aforro e a eficiencia enerxética nos fogares galegos. Deste xeito, as familias poden aforrar custos na factura enerxética, ademais de mellorar a súa calidade de vida, potenciar o uso de enerxías renovables autóctonas e diminuír as emisións de CO2. No caso concreto do Plan Renove de Instalacións Eléctricas Comúns permite incorporar medidas de aforro no sector doméstico, responsable de máis do 20% do consumo de enerxía eléctrica da comunidade.

O Plan de Vivenda cumpre a súa terceira edición e a previsión é que para este ano conte cun orzamento total de 8,7 millóns de euros, un 10% máis que en 2016. Consta de dous campos de actuación: o uso de fontes de enerxía renovables a través do impulso da xeotermia, a solar térmica e aerotermia e a biomasa; e a mellora das infraestruturas para que os galegos dispoñan de construcións máis eficientes. Ademais do Plan Renove de Instalacións Eléctricas Comúns, inclúense neste apartado a renovación de fiestras, o Plan Renove de Ascensores e outros programas que se convocarán ao longo deste ano como o acondicionamento de cubertas con tella ou lousa, e a rehabilitación de fachadas con granito.