A Xunta abre o prazo de solicitude do novo programa de axudas para reducir as emisións de po e mellorar as condicións ambientais e laborais do sector mineiro

Os novos incentivos, que contarán cunha dotación de tres millóns de euros, favorecerán a aplicación de tecnoloxías novidosas e a implantación de mellores técnicas para combater esta incidencia
Publicado por o día 26/02/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta abre o prazo de solicitude do novo programa de axudas para reducir as emisións de po e mellorar as condicións ambientais e laborais do sector mineiro

A Xunta abre mañá o prazo de solicitude para optar á nova liña de axudas para mellorar as condicións ambientais e laborais das explotacións mineiras da Comunidade, tras a súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). Os apoios, dirixidos a empresas do sector para loitar contra a incidencia do po mineiro, mobilizarán preto de 6 millóns de euros.

A convocatoria, á que se destinarán tres millóns de euros e que será de concorrencia competitiva, ten como obxectivo favorecer a aplicación de tecnoloxías novidosas e implantar as mellores técnicas dispoñibles contra o po, tendo en conta o seu influxo tanto no contorno coma na saúde dos traballadores. Deste xeito, trátase de promover o desenvolvemento sustentable deste sector que constitúe un importante motor económico para as zonas de Galicia onde se leva a cabo esta actividade de importante impacto socioeconómico.

Nos últimos anos, A Xunta investiu preto de dous millóns de euros en estudos e proxectos de investigación para determinar os principais focos de emisión e os postos de traballo con maior risco de exposición dentro dos distintos subsectores mineiros e procesos produtivos; así como o desenvolvemento innovador de maquinaria, equipos, instalacións e sistemas que permiten minimizar a emisión de po ou a exposición dos traballadores. Este traballo culmina na convocatoria deste nova liña de axudas.

Os interesados poderán presentar a súa solicitude desde mañá ata o 26 de marzo e optar a estes incentivos que contarán con dous obxectivos. Por unha parte, dirixirase a investimentos para a mellora da calidade do ambiente atmosférico mediante a redución de emisións de po nas 253 explotacións mineiras activas. Neste caso, destinarase 1,5 millóns de euros, con axudas máximas de 300.000 euros e valoraranse aspectos como o tipo de problemática a resolver e a tecnoloxía a aplicar polo sistema de control e emisións; o incremento do nivel de protección ambiental sobre as normas europeas; ou a optimización dos investimentos a realizar.

Mentres que o segundo obxectivo está destinado a actuacións para a redución da exposición ao po dos traballadores, con axudas de ata un máximo de 200.000 euros. Neste caso valoraranse o tipo de investimento, o grao de exposición do posto de traballo, a porcentaxe de traballadores do centro beneficiados coa actuación e o tipo de empresa. En todas as actuacións desta orde de axudas, obterán máis puntuación os solicitantes que sexan unha pequena empresa ou micropeme.

Con esta nova medida, a Xunta volve demostrar o seu compromiso cunha minería segura e sustentable capaz de xerar valor e emprego na Comunidade e que actualmente representa o 1% do PIB e que xera 5000 empregos. Súmase a medidas como as adoptadas na nova Lei de implantación empresarial, que vén a reforzar todas as garantías legais existentes, aportando seguridade e transparencia ao propietario dos terreos e blindando o contorno na busca de proxectos que aspiren á excelencia medioambiental. O propio sector mineiro prevé que, grazas á entrada en vigor deste novo marco normativo, poderá xerar 800 novos postos de traballo e aumentar un 21% a súa achega ao PIB galego.