A Xunta achegou en 2016, 355.000 euros, para apoiar accións formativas en materia de uso de fitosanitarios

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a relación das 32 empresas beneficiarias destas subvencións
Publicado por o día 13/03/2017 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta achegou en 2016, 355.000 euros, para apoiar accións formativas en materia de uso de fitosanitarios

A Xunta achegou no 2016 un total de 355.745 euros para apoiar accións formativas realizadas por entidades colaboradoras da Consellería do Medio Rural en materia de aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios. Destas subvencións beneficiáronse 32 empresas, que organizaron e desenvolveron os devanditos cursos na nosa comunidade autónoma.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se dá publicidade a estas axudas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e teñen como finalidade apoiar as devanditas actividades de formación continua, que realizan diversas empresas ao longo da xeografía galega.

Poden beneficiarse destas achegas as entidades colaboradoras, públicas ou privadas, inscritas no correspondente rexistro administrativo da Consellería, que presten servizos de formación continua en materia de aplicador/manipulador de produtos fitosanitarios en Galicia. Estas accións formativas complementan as que realiza directamente a Xunta e están orientadas a persoas con relación profesional ou con expectativa de incorporación nos sectores produtivos da agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira, dirixidas, en especial, a mozos e mulleres do medio rural.
(Pódese consultar a resolución do DOG no seguinte enlace: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170313/AnuncioG0426-070317-0001_gl.html).