A Xunta achegou nos dous últimos anos máis de 49 millóns de euros para apoiar a industria agroalimentaria galega

Estas axudas mobilizaron un investimento que superou os 136 millóns de euros, segundo explicou no Parlamento a conselleira Ángeles Vázquez
Publicado por o día 08/02/2018 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta achegou nos dous últimos anos máis de 49 millóns de euros para apoiar a industria agroalimentaria galega

Ao longo dos anos 2016 e 2017 a Consellería do Medio Rural achegou máis de 49 millóns de euros en axudas á industria agroalimentaria galega, que mobilizaron un investimento superior aos 136 millóns de euros a través de 204 proxectos. Con estes fondos finánciase, con carácter xeral, a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, a adquisición de maquinaria e equipamentos novos, a compra de maquinaria e equipamentos novos, de programas informáticos, de patentes ou licenzas e os honorarios de proxecto, dirección de obra e estudos de viabilidade.

Así o explicou esta tarde a conselleira Ángeles Vázquez, en resposta a unha pregunta sobre o tema no Parlamento. Sinalou ademais que con este tipo de axudas o que se pretende é favorecer o peche do ciclo produtivo das materias primas agroalimentarias de orixe galega, xerar emprego, fomentar a elaboración de produtos de maior valor engadido, propiciar a creación de relacións contractuais estables entre os produtores e a agroindustria e impulsar a internacionalización destas empresas.

A titular de Medio Rural destacou que na nosa comunidade estase a vivir un despegue da actividade agroindustrial, que se traduce na creación de novas empresas, a ampliación e a modernización das existentes, así como na xeración de novos empregos e tamén de maior valor engadido. Por todo iso, engadiu, o apoio da Administración a este sector foi e segue a ser fundamental. Un eido produtivo que, tal e como indicou a conselleira, está formado por preto de 1.700 empresas, cunha facturación superior a 4.600 millóns de euros e que da ocupación a case 17.000 persoas.

Banco de terras
En resposta a outra pregunta, Ángeles Vázquez lembrou que o Banco de terras foi creado polo bipartito en 2007 e que daquela puxeron a disposición, para arrendar, multitude de parcelas con grandes problemas xeométricos, con vertedoiros, que eran usadas con fins sociais (cemiterios, campos de festa, campos de fútbol) e mesmo predios de titularidade non clara. Había tamén terreos que tiñan carácter forestal e que quedaron no Banco coas obrigas de limpeza e mantemento, pero sen posibilidade de darlle uso por parte dun terceiro. Indicou que a actual Xunta está corrixindo estas deficiencias e cedendo os predios aos concellos.

Neste contexto, a conselleira falou tamén da estabilidade que se vive no sector leiteiro, fundamentada nos bos resultados de indicadores como os prezos ou a produción. Recordou que Galicia segue sendo a comunidade líder dentro de España en incremento dos prezos nos dous últimos anos e amosou a súa disposición a continuar traballando, da man do sector, para consolidar esta evolución positiva.