A Xunta achegou preto de 800.000 euros aos consellos reguladores no 2016 para facilitar o seu funcionamento e garantir a calidade dos produtos

Ademais de 471.000 euros para os gastos de funcionamento achéganse outros 300.000 para desenvolver programas de calidade
Por o 02/03/2017 | Sección: Medio Ambiente,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta achegou preto de 800.000 euros aos consellos reguladores no 2016 para facilitar o seu funcionamento e garantir a calidade dos produtos

Ademais de 471.000 euros para os gastos de funcionamento achéganse outros 300.000 para desenvolver programas de calidade.

Este sector está integrado por preto de 30.000 titulares de explotacións agrícolas e gandeiras e máis de 900 industrias, que facturan unha produción cun valor entorno aos 370 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe dúas resolucións da Consellería do Medio Rural polas que se lles dá publicidade ás axudas destinadas aos consellos reguladores o pasado ano. Dunha banda, as subvencións para os seus gastos de funcionamento que ascenderon a 471.188,99 euros e, por outro lado, 300.000 euros para programas de calidade.

No primeiro caso, os 24 consellos reguladores galegos recibiron unha axuda, de entre 12.908 e 28.045 euros, segundo criterios obxectivos. O orzamento neste caso aumentou o 5,7% respecto ao ano anterior. A través destas achegas, os consellos poden controlar a orixe e calidade dos produtos que xestionan e facer promoción do seu consumo. Estas axudas son especialmente importantes para aquelas entidades que xestionan produtos cunha facturación global máis pequena ou os que son de máis recente creación.

A maiores, a outra orde ten por obxectivo desenvolver actuacións para a implantación e desenvolvemento de programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos de calidade. Neste caso, seleccionáronse 16 proxectos cun importe global de 300.000 euros, o que supón un aumento do orzamento do 33% respecto ao exercicio anterior.

Os consellos reguladores son organismos de gran importancia na política de fomento da produción de alimentos de calidade garantida xa que teñen un papel fundamental á hora de asegurar que se cumpran os requisitos de orixe e calidade dos produtos que xestionan, así como da súa publicidade.

O sector dos produtos agroalimentarios de calidade (denominacións de orixe, indicacións xeográficas e produtos ecolóxicos) implican a preto de 30.000 titulares de explotacións agrícolas e gandeiras e a máis de 900 industrias, que facturan unha produción cun valor en torno aos 370 millóns de euros. Estes produtos son o buque insignia da produción agroalimentaria galega e a súa boa imaxe facilita o acceso ao mercado do conxunto da produción alimentaria galega.

Noticias de última hora en Vigo