A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo para a primeira fase da construción da intermodal de Pontevedra, que suporá un investimento de 4 millóns de euros

O contrato foi adxudicado á empresa Eptisa Servicios de Ingeniería S.L por un presuposto de máis de 73.000 euros e ten un prazo de execución de 7 meses
Publicado por o día 05/11/2017 na sección de Galicia,Pontevedra

A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo para a primeira fase da construción da intermodal de Pontevedra, que suporá un investimento de 4 millóns de euros

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar a redacción do proxecto construtivo para a primeira fase da construción da intermodal de Pontevedra, formada polas actuais terminais de autobús e ferroviaria.

O contrato foi adxudicado á empresa Eptisa Servicios de Ingeniería S.L por un presuposto de máis de 73.000 euros e ten un prazo de execución de 7 meses.

O Goberno galego, no acordo asinado co Concello de Pontevedra, comprométese a redactar os proxectos e a licitar, adxudicar e acometer as obras previstas no convenio, o que suporá un investimento total próximo aos 4 millóns de euros.

A primeira fase prevé a reordenación da actual zona de aparcadoiro, un novo acceso á estación desde a rúa Josefina Arruti e a optimización da conexión a pé entre as dúas terminais cun itinerario peonil.

Estas actuacións complementaranse coa reforma do edificio actual da terminal de autobuses, que ascende a 1,5 millóns de euros, e cuxa redacción do proxecto se licitará este ano.

O Executivo autonómico reservou nos Orzamentos para 2018 unha partida duns 800.000 euros para avanzar nesta actuación, o que amosa seu compromiso con este proxecto estratéxico para a cidade de Pontevedra, que facilitará o intercambio áxil e seguro entre os distintos modos de transporte.