A Xunta adxudica unha vivenda a unha familia de Vigo afectada por unha execución hipotecaria

A familia acepta trasladarse a Salvaterra de Miño ao non haber inmobles dispoñibles en Vigo, cuxo concello non se adheriu ao Programa de Vivendas Baleiras do Goberno galego
Publicado por o día 29/08/2017 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta adxudica unha vivenda a unha familia de Vigo afectada por unha execución hipotecaria

A Xunta, a través da Comisión Provincial de Vivenda de Pontevedra, propuxo hoxe a adxudicación directa dunha vivenda a unha familia viguesa afectada por unha execución hipotecaria, que será realoxada nun inmoble cedido por Sareb á Consellería de Infraestruturas e Vivenda, para o seu destino a alugueiro social.

O inmoble que se adxudicará atópase no concello de Salvaterra de Miño xa que actualmente o Goberno galego non dispón de vivendas en Vigo, xa que o Concello non se adheriu ao Programa de vivendas baleiras da Xunta.

Unha vez que a vivenda sexa adxudicada polo departamento que dirixe Ethel Vázquez, levarase a cabo a sinatura do contrato de alugueiro e entregaranse as chaves da mesma aos beneficiados.

No que vai de 2017, xa se realoxaron 45 familias en vivendas propiedade do Executivo autonómico ou cedidas por Abanca, Sareb e CaixaBank, o que supón un inmoble adxudicado cada 5 días. A estas familias hai que sumar as beneficiadas polo Bono de Alugueiro Social e outras medidas adoptadas pola Administración autonómica.

Ao abeiro das 12 medidas adoptadas pola Xunta fronte aos desafiuzamentos e en defensa do dereito á vivenda, xa foron atendidos máis de 1.200 casos en toda Galicia.

Por outra parte, hoxe mesmo asinouse o contrato de alugueiro dunha vivenda, cedida por Sareb, que foi adxudicada en Vilagarcía de Arousa a unha familia en situación de emerxencia social.