A Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará o litoral das provincias da Coruña e Lugo

Está previsto que comece a media mañá deste xoves
Publicado por o día 13/12/2017 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará o litoral das provincias da Coruña e Lugo

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará o litoral de Lugo e da Coruña.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía, o episodio comezará a media mañá deste xoves, 14 de decembro, na costa da provincia de Lugo e no litoral oeste e noroeste da Coruña. A partir das primeiras horas da madrugada do día 15, está previsto que chegue tamén á zona suroeste do litoral da Coruña. De acordo coa información da AEMET, agárdase mar combinada do noroeste, con ondas de 5 a 7 metros.

Cómpre ter en conta que a alerta amarela estará activa desde a primeiras horas do día 14 nesas mesmas zonas, así como na franxa costeira de Pontevedra.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil; e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Permanecer lonxe da costa, praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos ou todas aquelas zonas que podan ser varridas polo mar. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do Centro de emerxencias do 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.